A Xunta pon en valor en Vigo as iniciativas a prol da dinamización do comercio local e do consumo sostible
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe no mercado vigués do Calvario o posto informativo da campaña autonómica Comercio Compensa, a prol do consumo local e sostible
Tamén asistiu á presentación da campaña O comercio do barrio ten cor, impulsada polo Centro Comercial Aberto Zona Teis co apoio do Goberno galego e que se desenvolverá do 17 ao 20 de xuño no comercio local de Teis e Travesía
Vigo, 16 de xuño de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe no mercado vigués do Calvario o posto informativo da campaña autonómica Comercio Compensa, a prol do consumo local e sostible. Alí puxo en valor esta acción enfocada a dinamizar o comercio de proximidade e a promover prácticas de consumo responsables, na liña do que promove o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Con este fin, desde o seu lanzamento en Arteixo o pasado 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a previsión é que a campaña percorra un total de 60 localidades galegas entre este ano e o próximo. De feito, esta tarde o posto da iniciativa tamén estará en Teis.
En concreto, no eido da sostibilidade esta campaña aposta por alongar a vida útil dos artigos adquiridos, pola redución de envases innecesarios e polo uso de bolsas reutilizables. Neste sentido, as persoas que se achegan ao punto informativo con tícket de compra de calquera establecemento comercial do concello reciben como agasallo unha bolsa de tea coa imaxe da campaña, co fin de incentivar hábitos de consumo máis sostibles.
Campaña do CCA Zona Teis
Ademais, hoxe Gabriel Alén asistiu á presentación da campaña O comercio do barrio ten cor, impulsada polo Centro Comercial Aberto Zona Teis co apoio do Goberno galego e que se desenvolverá do 17 ao 20 de xuño no comercio local de Teis e Travesía. Con esta iniciativa, cada tícket de compra dará dereito a unha tirada co dado xigante da campaña para conseguir vales agasallo e premios dos negocios do barrio. Este dado xigante estará rotando nos días da campaña polas rúas do CCA.