O Goberno galego pide unha fronte común para defender os intereses de Galicia e contar cun financiamento autonómico suficiente e estable
A proposta do Goberno central para o cambio de modelo prexudica á maioría das Comunidades Autónomas e, de xeito especial, á galega
Cambia o espírito do sistema que, por primeira vez, non garante a discriminación positiva para os territorios con máis necesidades, senón que se centra na súa capacidade tributaria
O conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou no Parlamento que a proposta da Xunta é “perfeccionar o actual modelo” de xeito que garanta a cobertura das necesidades de gasto dos servizos públicos na Comunidade galega
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
O goberno galego pide unha fronte común no Parlamento, aproveitando que se reactivou a comisión sobre o sistema de financiamento, para defender os intereses de Galicia e, deste xeito, poder contar cun financiamento autonómico suficiente e estable. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou en sede parlamentaria que a proposta do Goberno central para o cambio de modelo prexudica á maioría das Comunidades Autónomas e, de xeito especial, á galega.
"A nosa comunidade pasaría de estar nunha posición algo mellor que a media en termos de financiamento por habitante axustado a estar á cola", aseverou Miguel Corgos, xa que co actual modelo Galicia está no índice 104 sobre 100 e, coa nova proposta, pasaría ás últimas posicións.
O novo modelo do Goberno central cambia o espírito do sistema que, por primeira vez, non garante a discriminación positiva para os territorios con máis necesidades, senón que se centra na súa capacidade tributaria, o que “abriría a porta á xeneralización dun modelo de cupo, moi prexudicial para Galicia”, destacou o conselleiro de Facenda.
Miguel Corgos apoiouse nos datos do Foro Económico de Galicia que sustentan que este sistema sería especialmente malo para a comunidade galega, xa que de xeneralizarse en España, “Galicia perdería uns 2.000 M€ por ano”.
Proposta de Galicia
O responsable da Facenda galega presentou as bases da proposta do Goberno galego, centradas en “perfeccionar o actual modelo”, pero corrixindo os defectos que ten manifestado ao longo dos anos, para que “garanta a cobertura axeitada das necesidades de gasto dos servizos públicos de competencia autonómica e financie de maneira suficiente o custo na nosa comunidade”.
Galicia ten “máis necesidades de gasto e menos capacidade tributaria que a media”, polo que a proposta da Xunta oriéntase a “reforzar a igualdade real e a solidariedade interterritorial”. Miguel Corgos resumiuno afirmando que o obxectivo é “que calquera cidadán teña o mesmo nivel de prestación de servizos públicos, con independencia de onde resida”.
Para iso, concluíu Corgos, “a única saída é retirar esta proposta” e volver a unha negociación multilateral, no Consejo de Política Fiscal y Financiera, para consensuar entre todos “un reparto equitativo, igualitario, por unidade de custe, sen diferencias nin agravios entre territorios”.
Modelo fiscal propio
O conselleiro de Facenda defendeu tamén o modelo fiscal de Galicia, “propio e sostible”, avalado pola cidadanía galega. A cesión da xestión do IRPF a unha administración autonómica sería moi negativa para a Comunidade galega, xa que “o IRPF é a principal ferramenta que ten o Estado para garantir unha redistribución homoxénea e efectiva no conxunto do territorio”.
Para Miguel Corgos é importante preservar esta fortaleza redistributiva do imposto, para “evitar erosionar a capacidade do sistema para corrixir desigualdades e asegurar un tratamento equitativo de todos os contribuíntes con independencia de onde residan”.
“Porque precisamente –rematou- un tratamento equitativo é o que lle convén a Galicia na reforma do sistema de financiamento autonómico”.