A Xunta avanza na simplificación da contratación pública para mellorar na súa eficiencia, calidade e transparencia
O director xeral de Simplificación administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, participou no III Congreso de Contratación Pública celebrado na Coruña
Debullou os avances da Estratexia Galega de Contratación Pública Horizonte 2030 para avanzar cara unha Administración máis áxil desde todas as fases do procedemento
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
A Xunta avanza na simplificación da contratación pública para mellorar na súa eficiencia, calidade e transparencia. O director xeral de Simplificación administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, José María Barreiro, participou hoxe nunha mesa redonda titulada A simplificación na contratación pública: control, burocracia e supervisión, dentro do III Congreso de Contratación Pública que se celebra estes días na Coruña.
O director xeral debullou os avances realizados na Estratexia Galega de Contratación Pública Horizonte 2030, aprobada en xaneiro de 2026, para avanzar cara a unha contratación máis áxil, menos complexa e máis eficiente. Barreiro incidiu na necesidade de facelo desde todas as fases do procedemento, “desde a tramitación ata a execución dos contratos”.
A simplificación administrativa é “un instrumento clave” para mellorar a calidade e a eficacia dos procedementos, mantendo os principios de concorrencia, igualdade e publicidade. Por iso o Goberno galego a aborda cun enfoque integral que combina medidas normativas, organizativas e tecnolóxicas para eliminar cargas administrativas innecesarias, mellorar a eficiencia dos procedementos e facilitar a relación da cidadanía e das empresas coa Administración.
Medidas da Xunta
Entre as medidas impulsadas pola Xunta destacan a implantación xeneralizada da contratación electrónica, que permite “reducir erros e duplicidades”, así como a elaboración de modelos e ferramentas comúns que facilitan a tramitación e melloran a comprensión por parte das empresas.
Así mesmo, a Estratexia aposta pola planificación da contratación, a profesionalización dos xestores públicos e o impulso de mecanismos que fomenten a participación das pequenas e medianas empresas, reforzando así o tecido económico e a competencia nos procedementos.