Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 21.00 h. de hoxe
Deuse por controlado o incendio forestal de Padrón, parroquia de Herbón, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 350 hectáreas
Quedou tamén controlado o lume de Boborás, parroquia de Moreiras, que afecta arredor de 250 hectáreas
Continúa así mesmo controlado o incendio de Xermade, parroquia de Roupar, que afecta unha superficie de 35 hectáreas, segundo as últimas estimacións
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 21.00 horas de hoxe.
A CORUÑA
Controlado Padrón-Herbón
Ás 20:49 horas de hoxe quedou controlado o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, que se iniciara o pasado venres, día 12, ás 16.01 horas e no que foi preciso declarar temporalmente a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de 350 hectáreas. Para traballar na súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 100 axentes, 136 brigadas, 100 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
LUGO
Controlado Xermade-Roupar
Dende as 16.50 horas de onte martes permanece controlado o incendio do concello de Xermade, parroquia de Roupar, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 35 hectáreas. O lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 13 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
OURENSE
Controlado Boborás-Moreiras
Ás 19.23 horas de hoxe deuse por controlado o incendio forestal do concello de Boborás, parroquia de Moreiras, no que tamén foi necesario declarar temporalmente a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación.
O lume comezara ás 21.55 horas do pasado sábado, día 13, e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 6 técnicos, 38 axentes, 69 brigadas, 46 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.