A Xunta amosa en Ribadavia o oficio da marroquinería artesanal dentro do proxecto Vilas Vivas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o desenvolvemento do curso Tomate e trevo impartido pola artesá Antonina Kadyrova na Casa Artesanía de Galicia
A Fundación Artesanía de Galicia organiza dentro de Vilas Vivas outros tres cursos, que serán o sábado 27 de xuño - dúas quendas dedicadas á estampaxe téxtil - e a fin de semana do 11 e 12 de xullo, na que se impartirá un obradoiro de bordado ao aire
Vilas Vivas é un proxecto pioneiro de revitalización comercial para converter espazos en desuso en negocios abertos rendibles e xeradores de emprego que en Ribadavia
Ribadavia (Ourense), 20 de xuño de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o desenvolvemento do curso de iniciación á marroquinería titulado Tomate e trevo e impartido pola artesá Antonina Kadyrova (Vigo) no primeiro andar da Casa da Artesanía de Galicia. Esta iniciativa enmárcase no proxecto Vilas Vivas e ten como fin divulgar e promover o selo Artesanía de Galicia en Ribadavia.
O curso Tomate e trevo. Iniciación ao coiro, que se desenvolve hoxe, é unha actividade de iniciación ao traballo co coiro orientado á creación dun complemento decorativo e funcional inspirado en formas orgánicas e elementos naturais: un charm de tomate e trevo acompañado dunha pinza para o sombreiro. O obxectivo é amosarlle ás persoas asistentes as técnicas básicas de marroquinería e os remates artesanais deste oficio comezando dende o corte, a ensamblaxe, a colocación de fornituras, a montaxe de cordón, a costura e o remate de cantos mediante lixado e bruñido.
A través da Fundación Artesanía de Galicia están programados outros tres cursos de achegamento aos oficios artesanais que se celebrarán tamén na Casa da Artesanía de Galicia. O sábado 27 de xuño realizaranse dúas quendas do curso de Estampaxe de panos de algodón tradicional, impartidas por Sandra Betanzos, do obradoiro Amor ó teu (Ames), que terán un custo de 15€. A quenda de mañá realizarase entre as 11,30 e as 14,30 e a da tarde de 16,00 a 20,30h. A docente dará a coñecer a técnica que emprega no seu obradoiro para estampar panos de algodón con diferentes motivos a través da técnica do estarcido consistente en transferir un deseño a unha superficie aplicando pintura a través dos ocos recortados nun modelo. Nestes dous cursos aínda é posible realizar a inscrición a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.
Os días 11 e 12 de xullo terá lugar o curso de xoiería de bordado ao aire, impartido por Zeltia Rodríguez do taller Zeltia ao Aire (A Coruña), para o que están xa todas as prazas esgotadas. Neste obradoiro as persoas asistentes iniciaranse no mundo do bordado ao aire mediante a elaboración dunhas pezas de xoiería baseadas en padróns tradicionais. Nas primeiras horas aprenderán as nocións básicas e finalizarán o curso coa elaboración dunha pulseira e duns pendentes de bordado ao aire. O curso desenvolverase o sábado de 11,30 a 14,30 horas e de 16,00 a 20,30 horas e o domingo de 11,00 a 15,00 horas, e ten un custo de 35€.
Casa da Artesanía de Galicia
Vilas Vivas é un proxecto pioneiro de revitalización comercial impulsado pola Xunta co obxectivo de converter espazos en desuso en negocios abertos que sexan rendibles e xeradores de emprego. Entre os locais acondicionados en Ribadavia atópase a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo permanente de comercialización, de promoción e de divulgación do produto e dos oficios artesanais galegos, no que se están a realizar obradoiros abertos e cursos de formación dende o Nadal pasado, co obxectivo de contribuír á dinamización desta vila ourensá.
Na planta baixa deste edificio está aberto un espazo de venda directa de produtos da marca Artesanía de Galicia no que se comercializan pezas de cerámica, de xoiería e bixutería, de xoguetes, de tecido, de coiro, de complementos de moda e de figuras tradicionais de miga de pan. A tenda está aberta de xoves a domingo en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas.