O Comité de Seguimento do Fondo de transición xusta 2021-2027 avaliará as propostas de reprogramación para reforzar o cumprimento do programa

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos asiste á reunión, que se celebra en Carrión de los Condes, en Palencia

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026 

O Comité de Seguimento do Fondo de Transición Xusta 2021-2027 avalía esta semana as propostas de reprogramación orientadas a adaptar determinadas actuacións ás necesidades actuais dos territorios en transición e a reforzar a eficacia do fondo no cumprimento dos seus obxectivos.

Así mesmo, na xuntanza do comité, que ten lugar hoxe e mañá martes, abordaranse tamén os principais aspectos relacionados co seguimento do programa, incluíndo a análise do seu grao de execución, a evolución dos indicadores e os avances acadados nos distintos territorios beneficiarios.

A reunión, que ten lugar en Carrión de los Condes (Palencia), conta coa presencia de representantes da Comisión Europea, da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, do Instituto para a Transición Xusta e das comunidades autónomas con territorios de transición xusta, incluído o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrio.

A celebración da reunión, na que tamén participan representantes doutros fondos europeos e das organizacións máis representativas dos ámbitos económico e social, completarase cunha visita ao proxecto de rehabilitación enerxética integral de edificios e espazos docentes no Campus Universitario de Palencia. Unha actuación orientada á mellora da eficiencia enerxética e á modernización das infraestruturas universitarias.

Data de actualización: 22/06/2026