Rueda anuncia que a Xunta recorrerá o real decreto sobre as zonas de aceleración de renovables por invadir competencias autonómicas
O Consello da Xunta aprobou hoxe a presentación dun recurso ante o Tribunal Constitucional despois de coñecer que o ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia é favorable á viabilidade xurídica da iniciativa
Considera que o Goberno central limita de forma inxustificada as atribucións que o Estatuto de autonomía lle recoñece á Comunidade en materias coma “a ordenación do territorio, o medio ambiente ou a enerxía”
O presidente advirte que, na práctica, a normativa estatal “é tan detallada que non deixa marxe de manobra” ás comunidades para fixar as zonas de aceleración de renovables
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático resalta que se modifica o carácter da ferramenta cartográfica deseñada para localizar as zonas de maior sensibilidade ambiental que deben quedar excluídas da implantación das ZAR ao pasar de orientativa a obrigatoria
A Xunta considera que o Executivo central recorreu de forma indebida á figura do real decreto lei para aprobar unha regulación de carácter estrutural e permanente cando o seu uso está indicado para situacións de extraordinaria e urxente necesidade
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello vén de autorizar presentar un recurso de inconstitucionalidade contra varios preceptos do real decreto lei polo que o Goberno central regula, entre outras cuestións, as denominadas zonas de aceleración de renovables (ZAR). “Entendemos que invade competencias autonómicas. A normativa é tan detallada nos requisitos fixados que, na práctica, non deixa marxe de manobra á Xunta para determinar onde están estas zonas”, indicou.
Nese senso, e despois de coñecer que o ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia é favorable á viabilidade xurídica da iniciativa, o Consello da Xunta aprobou hoxe a presentación ante o Tribunal Constitucional dese recurso contra o Real Decreto-lei 7/2026, de 20 de marzo, polo que se aproba o Plan Integral de Resposta á Crise en Oriente Medio. “É unha defensa do autogoberno galego nun sector tan sensible e importante como a enerxía”, indicou. Un recurso que se enmarca, segundo engadiu a conselleira de Medio Ambiente e Cambio climático, Ángeles Vázquez, na aposta da Xunta “polas enerxías renovables e defender a transición enerxética e a loita contra o cambio climático”.
Rueda salientou que o Estatuto de Autonomía de Galicia lle recoñece á Comunidade “competencias en materias coma a ordenación do territorio, o medio ambiente, a tramitación administrativa ou a enerxía”, mentres que a Constitución reserva ao Estado a aprobación da lexislación básica nestas materias, pero tamén garante que as comunidades autónomas poidan desenvolver esa normativa e adaptala ás particularidades do seu territorio.
Nesa liña, a Xunta considera que con este real decreto lei o Goberno central excede as súas competencias e limita de forma inxustificada as atribucións que o Estatuto de autonomía de Galicia lle recoñece á Comunidade, xa que regula aspectos cun nivel de detalle tan elevado que impide ese desenvolvemento autonómico e baleira de contido competencias que lle corresponden a Galicia.
Así, o Goberno central establece un conxunto tan amplo de condicións, limitacións e procedementos que, na práctica, o espazo real de decisión de Galicia queda totalmente reducido. Ademais, modifícase o carácter da ferramenta cartográfica deseñada para localizar as zonas de maior sensibilidade ambiental que deben quedar excluídas da implantación das ZAR, que, cómpre lembrar, son áreas xeográficas identificadas como especialmente adecuadas para a implantación de proxectos renovables, co obxectivo de simplificar e axilizar os procedementos de autorización.
A conselleira lembrou que esta ferramenta cartográfica foi creada como un instrumento técnico “orientativo” para ofrecer información ambiental básica, facilitar a toma de decisións e apoiar a planificación. En cambio, o real decreto-lei convértea agora nunha limitación obrigatoria ao establecer que en ningún caso poderán formar parte dunha ZAR aquelas zonas que aparezan identificadas nesa cartografía estatal.
Polo tanto, unha ferramenta pensada só para orientar e complementar a planificación autonómica convértese así nun instrumento vinculante que condiciona directamente a capacidade de Galicia para ordenar o territorio. De feito, segundo os cálculos da Xunta, as zonas susceptibles de ser declaradas ZAR en Galicia sumarían en total só 47 km2, o que equivale aproximadamente “ao 0,16% de todo o territorio galego”, “e sería dunha forma dispersa”, lamentou a conselleira.
Nese senso, a normativa europea que introduce as Zonas de Aceleración de Renovables establece que os Estados membros deben identificar estas áreas tendo en conta criterios ambientais, territoriais e patrimoniais, deixando marxe para que as autoridades competentes adapten esa planificación ás características de cada territorio. Na opinión da Xunta, o Real decreto lei estatal non respecta ese equilibrio e centraliza decisións que deberían corresponder, en boa medida, ás comunidades autónomas.
A maiores, o Executivo galego indica que o Goberno central recorreu de forma indebida á figura do real decreto lei para aprobar unha regulación de carácter estrutural e permanente. As medidas relativas ás ZAR non responden a unha situación de extraordinaria e urxente necesidade, requisito esixido pola Constitución para utilizar este instrumento lexislativo. Pola contra, establecen un novo modelo regulador con vocación de permanencia que debería terse tramitado como un proxecto de lei, permitindo o debate parlamentario e a participación dos órganos consultivos.
Polo tanto, a Xunta considera necesario acudir ao Tribunal Constitucional para defender o ámbito competencial de Galicia e garantir que o despregamento das enerxías renovables avance desde o respecto ao modelo territorial establecido na Constitución e ao autogoberno da Comunidade Autónoma.
A Xunta considera especialmente relevante preservar a capacidade da Comunidade para decidir como se planifica o desenvolvemento das enerxías renovables, tendo en conta as singularidades do territorio, a protección do patrimonio natural, a ordenación da paisaxe, a actividade económica e os intereses da veciñanza das zonas afectadas.