Belén do Campo fai un chamamento á responsabilidade cidadá para celebrar unha noite de San Xoán segura e respectuosa con medio ambiente

A representante do Goberno galego subliñou que “celebrar a Noite de San Xoán de xeito sostible é coidar da natureza mentres gozamos da tradición” e lembrou que “se respectamos o espazo natural, poderemos seguir desfrutando desta noite máxica moitos anos máis”

Malpica (A Coruña), 23 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e  pola directora territorial de la Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou, esta mañá, a praia de Area Maior de Malpica para facer un chamamento á responsabilidade das persoas que participarán nas celebracións da Noite de San Xoán e trasladar as recomendacións elaboradas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para compatibilizar a tradición coa protección da contorna natural recollidas nun folleto baixo o lema “Reciclar é coidar do San Xoán – Coidar das nosas praias é coidar do noso”

Durante a visita, a representante autonómica subliñou que “celebrar a Noite de San Xoán de xeito sostible é coidar da natureza mentres gozamos da tradición” e lembrou que “se respectamos o espazo natural, poderemos seguir desfrutando desta noite máxica moitos anos máis”.

En relación coa propia celebración das cacharelas, trasladou a conveniencia de queimar exclusivamente madeira, evitando introducir obxectos ou materiais que poidan resultar contaminantes ou perigosos. Do mesmo xeito, fixo un chamamento a non abandonar cabichas na area, xa que conteñen substancias altamente contaminantes, e a reducir a contaminación acústica, evitando o uso de altavoces de gran potencia que poidan ocasionar molestias ao resto da cidadanía.

Neste sentido, explicou que é importante planificar as compras e adquirir só a comida e a bebida que realmente se vaian consumir, así como apostar por hábitos máis sostibles, empregando bolsas reutilizables e envases que xa se teñan na casa, como fiambreras, envoltorios ou vasos doutras celebracións. Ademais, animou a reutilizar estes recipientes, especialmente os vasos, durante toda a noite para reducir a xeración de residuos.

A delegada tamén incidiu na necesidade de respectar as restricións establecidas polos concellos e evitar realizar fogueiras en espazos protexidos. Así mesmo, lembrou que, aínda que o lugar escollido non conte con ningunha figura específica de protección, segue sendo un espazo natural que constitúe o hábitat de numerosas especies de fauna e flora e que, polo tanto, debe ser preservado.

Por último, apelou á colaboración de todos os asistentes para que, unha vez rematada a festa, recollan os residuos xerados e os depositen nos contedores correspondentes, co obxectivo de non deixar pegada e conservar as praias e os espazos naturais nas mellores condicións.

A delegada da Xunta destacou que a implicación individual é fundamental para preservar o patrimonio natural e fixo un chamamento a celebrar unha noite de convivencia, respecto e responsabilidade. “A mellor forma de manter viva esta tradición é facelo con sentido común e co compromiso de coidar a nosa contorna para que as futuras xeracións poidan seguir gozando dela”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2026