A Xunta resalta a cooperación transfronteiriza para facerlle fronte aos desafíos en emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, clausurou en Ourense a xornada técnica ‘Intervencións transfronteirizas derivadas dos riscos naturais’

Salientou os avances rexistrados nos últimos anos no eido das emerxencias, tanto na planificación das actuacións como nos medios técnicos, e destacou o gran potencial da intelixencia artificial na anticipación e xestión de riscos

O xerente da AXEGA, Marcos Araujo, cualificou a colaboración trasnsfronteiriza como unha necesidade operativa e incidiu na relevancia de compartir coñecementos e contar con profesionais ben formados

Ourense, 25 de xuño de 2026

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, clausurou hoxe a xornada técnica Intervencións transfronteirizas derivadas dos riscos naturais, que, organizada polo proxecto Atempo, xuntou en Ourense profesionais de protección civil, bombeiros, meteoroloxía e intelixencia artificial para abordar a xestión coordinada de inundacións e incendios forestais. Na apertura, interviu tamén Marcos Araujo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e coordinador xeral de Atempo, quen cualificou a cooperación transfronteiriza como unha necesidade operativa e resaltou a importancia de compartir coñecementos e de contar con profesionais formados e preparados para actuar de xeito coordinado. 

Durante a súa intervención, Santiago Villanueva destacou a importancia do traballo conxunto entre distintos territorios, así como o papel das novas tecnoloxías na prevención e na resposta ante as emerxencias provocadas por fenómenos meteorolóxicos. Neste contexto, o director xeral de Emerxencias salientou a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal a través do proxecto transfronteirizo de emerxencias Atempo. Esta colaboración, baseada na axuda recíproca para afrontar as situacións de maior gravidade, conta xa cunha ampla traxectoria e resulta fundamental para abordar de maneira coordinada os riscos e as catástrofes que, por proximidade xeográfica, poden afectar a ambos os territorios.

Na clausura do encontro, Villanueva incidiu tamén nos avances rexistrados nos últimos anos no ámbito das emerxencias. Destacou así a mellora da planificación mediante programas específicos orientados á ánalise e á resposta ante distintos riscos e o perfeccionamento das predicións meteorolóxicas para facilitar a toma anticipada de decisións, así como o reforzo dos medios técnicos dispoñibles.

Ademais,  fixo fincapé na esixencia de continuar traballando para afrontar os novos desafíos vencellados ao cambio climático. Neste sentido, sinalou que a intelixencia artificial constitúe unha ferramenta innovadora e de gran potencial que vén a transformar a capacidade de previsión, anticipación e xestión de riscos, contribuíndo de maneira significativa á protección da cidadanía e da contorna.

Proxecto financiado pola Unión Europea

Atempo é un proxecto de cooperación transfronteiriza cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP 2021-2027). O seu obxectivo é mellorar a capacidade de resposta conxunta ante emerxencias derivadas de riscos naturais, fomentando o intercambio de coñecemento, a coordinación operativa e a transferencia de boas prácticas entre os servizos de emerxencia de Galicia e de Portugal. Conta un investimento de 4,8 millóns, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolmento Rexional (FEDER).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026