A Xunta reunirá un total de 70 expositores no XIII Corazón da Artesanía de Agolada

Durante o encontro impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia, do 3 ao 5 de xullo, haberá cinco obradoiros abertos para iniciarse na forxa, no torno cerámico, no bordado sobre fotografía, no tecido de tapices e nos xoguetes de madeira

Na edición deste ano participarán un total de 50 artesáns representando un total de 24 oficios artesanais, haberá sete cursos de formación especializada, sesións de demostracións gastronómicas e actuacións de música e baile

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Fundación Artesanía de Galicia, reunirá no XIII Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, do 3 ao 5 de xullo, un total de 70 expositores, 37 deles de Artesanía de Galicia —aos que se lles sumará o artesán Álvaro Pin, máis coñecido coma o Florencio dos Barreiros, que fará unha demostración de zocas— e 32 expositores de produtos de alimentación gourmet. Todo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, onde está previsto que participen un total de 50 artesáns de 24 oficios, entre os que se atopan os 12 docentes de cursos especializados e dos obradoiros de iniciación abertos a todos os públicos.

Entre os oficios artesanais que estarán representados atópanse a xoiería, a olería, os instrumentos musicais, a elaboración de zocos e de zocas, a marroquinería, o téxtil, a cantería, o bordado, a tornería, a cestería, o traballo coa madeira e co papel, a forxa, as colareiras, os xoguetes ou os labores de palla.

Dos expositores de Artesanía de Galicia, 17 son da provincia da Coruña: Alfarería Lista, Alfarería Rulo e Obradoiro Gorín, de Buño (Malpica de Bergantiños) e os obradoiros composteláns Ío Morales, Jatafarta, Kinga Haudek, Macala, Sanín Percusión Tradicional, e Sonia Arnaiz. Tamén estarán Artesanía JMR (O Pino), Ferraxe de Prata (Teo), J. Eiroa Forxa (Culleredo), Mailob (Vedra), O Carabel Ecocestos (Ferrol), Pablo Sánchez Otero (A Coruña), Redeiras Artesás (Corme, Ponteceso) e Soledad Mato (Oroso).

Da provincia de Lugo proceden Álvaro Pin (Castroverde) e 6 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia: Alba F. Castro (Folgoso do Courel), Alfarería Elías de Gundivós (Sober), Cunqueiro (Palas de Rei), LeCOOP (Lugo) e Armaior e Enxógate, de Quiroga. O Obradoiro Catoira (Ribadavia) será o único representante da provincia de Ourense mentres que de Pontevedra proceden Aitor (Tomiño), Coiro Tres Pés (Pontevedra), Eferro (Merza, Vila de Cruces), GSC Petrum (Cuntis), La Parabólica (O Porriño), Lusco&Fusco (Nigrán), M. Isabel (Silleda), Media Lúa (O Rosal), Monts Betanzos (O Grove), Pal.lium (Cangas) e os obradoiros de Vigo A Casa Rodante e AK.

Alimentación

No Corazón da Artesanía teñen especial relevancia os expositores de alimentación gourmet, que contan coa acreditación de diferentes selos de calidade, como Artesanía Alimentaria, IXP Mel de Galicia, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Castaña de Galicia e as DO Ribeiro ou Rías Baixas. Dos 32 expositores de alimentación que participan este ano, cinco proceden da provincia da Coruña: as marcas compostelás Bodegas Lodeiros, Sidrería Rabiosa e Xearte Brigitte; Deheli (Ames) e Mamá Teresa (Arzúa). Da cidade de Lugo son as empresas Adega Pedro Leivas, Bubela Artesá e Cervexa Artesá Aloumiña e, do resto da provincia, A Morena (Cervo), Cosmética Muuholloa (Monterroso), Embutidos Suarna (Navia de Suarna) e Torta de Sarria (Sarria). Mentres, de Taboada proceden Galletas Xianas, Xeou! e Sacrapastas e, de Quiroga, Ouro de Quiroga e Peruxiñas Doces Gourmet. 

Da provincia de Ourense participan Adegas Celme (Castrelo de Miño), Ánades Galicia (Vilardevós), Cienporcel (Cenlle), Nela Gourmet&Nela Biosense (San Cristovo de Cea), Sofragal (Nogueira de Ramuín), Sovoral (Xunqueira de Ambía) e Terras de Boborás (Boborás). De Pontevedra proceden A Cova (Agolada), Galo Celta (Vila de Cruces), Gil Armada (Cambados), Mare Monte Premium Fungus (Sanxenxo), Menduiña (Cangas), Requeixo e mel das Neves (As Neves), Rosabeles (O Rosal), Trasdeza Natur (Silleda), Xacobleas (Vilagarcía de Arousa) e as empresas de Lalín Do Gaiteiro e Licores Pousa.

Obradoiros Abertos

Do 3 ao 5 de xullo, en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,30 h., o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato que combina gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns —de origami, de cestería, de decoración de olería tradicional de Buño, de bordado ao aire, de azulexado esgrafiado e de técnicas de elaboración e reparación de redes— e actuacións de música e baile.

Como en edicións anteriores, inclúese a programación de obradoiros gratuítos e abertos para todos os públicos, de iniciación a diferentes oficios, para os que non é preciso realizar inscrición previa. Serán de bordado de fotografía, con Minia Banet de Variopinto; de remate de xoguetes de madeira, con Guillermo Silvent de Artesanía Silvent; de iniciación á forxa, con Jorge Eiroa; de tecido colectivo, con María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop; e de iniciación ao torno cerámico, con Carlos San Claudio e a Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías.

Data de actualización: 28/06/2026