Medio Rural enxalza o valor e a calidade dos produtos agroalimentarios no evento Xuntos Saborea Galicia
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 29 de xuño de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe no evento gastronómico Xuntos Saborea Galicia, celebrado en Vilagarcía de Arousa e dirixido a profesionais do sector hostaleiro, o cal contou coa participación de numerosas empresas agroalimentarias galegas e tamén nacionais. Nel, enxalzou o valor e a calidade destes produtos galegos, recoñecidos tanto dentro como fóra da nosa comunidade, en especial aqueles con calidade certificada baixo algún selo.
Neste sentido, cómpre salientar que Galicia é unha das comunidades autónomas de España con maior número de denominacións de orixe protexida e indicacións xeográficas protexidas, con 36 recoñecidas, o que amosa a excelencia das súas producións agroalimentarias.