Medio Rural salienta a aposta pola calidade diferenciada no sector dos licores e augardentes tradicionais

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou hoxe as instalacións do Grupo Paniagua, no Carballiño

O Carballiño (Ourense), 29 de xuño de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións do Grupo Paniagua, empresa do Carballiño con case 150 anos de experiencia na elaboración de licores e augardentes tradicionais. Durante a visita puxo en valor a traxectoria da compañía e o seu compromiso coa elaboración de produtos vinculados á tradición e á identidade agroalimentaria de Galicia.

Alemparte destacou a importancia de seguir reforzando a presenza destas elaboracións baixo as figuras de calidade diferenciada, que permiten certificar a súa orixe e autenticidade, incrementar o seu valor engadido e ofrecer maiores garantías aos consumidores. Neste sentido, subliñou que cada nova empresa que aposta por estes selos contribúe tamén a fortalecer o seu prestixio colectivo e a consolidar a imaxe de Galicia como referente en produtos agroalimentarios de calidade.

Galicia conta con catro indicacións xeográficas para estas elaboracións —IX Augardente de Galicia, IX Augardente de Herbas de Galicia, IX Licor de Herbas de Galicia e IX Licor Café de Galicia—, que no ano 2025 acadaron un valor económico próximo aos 4,5 millóns de euros, reflectindo o potencial dun sector que combina tradición, calidade e creación de valor no medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2026