Medio Rural reúnese con representantes da Feira WineMad para analizar a presenza de Galicia na próxima edición deste evento en Madrid
Durante o encontro co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria analizáronse os resultados da primeira participación da Xunta neste evento, que se consolidou como un dos espazos de maior impacto grazas á proposta expositiva e á intensa programación desenvolvida
Na reunión abordáronse tamén as primeiras liñas de traballo para a edición de 2027, na que a Consellería do Medio Rural volverá participar co obxectivo de seguir incrementando a proxección comercial das adegas galegas
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos responsables da organización da Feira Internacional de Viño WineMad para facer balance da edición 2026 e iniciar a planificación da presenza de Galicia na próxima convocatoria deste evento que se celebra en Madrid.
Durante o encontro analizáronse os resultados da primeira participación da Xunta neste evento, que se consolidou como un dos espazos de maior impacto grazas á proposta expositiva, á intensa programación desenvolvida e ao apoio prestado ás 22 adegas galegas participantes e ás Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas do viño de Galicia. De feito, a propia organización de WineMad trasladou a súa satisfacción pola implicación de Galicia.
Edición de 2027
Na reunión abordáronse tamén as primeiras liñas de traballo para a edición de 2027, na que a Consellería volverá participar co obxectivo de seguir incrementando a proxección comercial das adegas galegas e consolidar a presenza das Denominacións de Orixe da comunidade nun dos principais encontros profesionais do sector.
O director da Axencia destacou que a presenza en WineMad responde á estratexia da Xunta de apoiar a promoción e internacionalización dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada, favorecendo novas oportunidades de mercado para o sector.