Belén do Campo destaca o labor da asociación de Redeiras Illa da Estrela como referente na conservación dos oficios do mar, a innovación artesanal e a economía azul

A representante do Goberno anima aos posibles beneficiarios a solicitar as axudas dirixidas a reforzar a comercialización da artesanía a través da súa promoción en feiras e eventos que teñen o prazo aberto ata o 13 xullo

Ponteceso (A Coruña), 30 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e pola presidenta da Asociación de Redeiras Illa da Estrela, Rosa Rodríguez, mantivo hoxe un encontro coas asociadas que forman parte da marca Artesanía de Galicia. Neste sentido, puxo en valor o traballo das redeiras de Corme, exemplo de conservación dos oficios tradicionais e de adaptación da artesanía ás novas oportunidades de mercado.

Constituída no ano 2009, a asociación de redeiras está integrada por socias procedentes de familias do mar e autóctonas da zona, que compatibilizan o labor tradicional de reparación e confección de artes de pesca coa creación de novos produtos artesanais e coa difusión do patrimonio marítimo-pesqueiro galego.

A entidade de redeiras é un dos mellores exemplos do éxito do proxecto Enredadas, unha iniciativa promovida conxuntamente polas consellerías de Mar e de Economía e Industria desde o ano 2012, deseñada e coordinada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia para favorecer a diversificación profesional das redeiras e o desenvolvemento das zonas pesqueiras.

Partindo dos coñecementos tradicionais do oficio, o proxecto permitiu desenvolver unha metodoloxía de traballo propia, adaptada ás necesidades do colectivo de redeiras, apoiada nun amplo programa de formación especializada impartido por profesionais de diferentes ámbitos creativos e empresariais. Belén do Campo lembrou que Fundación Pública Artesanía de Galicia recibiu o Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía, grazas ao proxecto Enredadas, como exemplo de boas prácticas.

Ao longo destes anos, Enredadas favoreceu a colaboración das redeiras con profesionais e empresas de sectores tan diversos como a moda, o deseño, o mobiliario, a decoración, a bixutería, a fotografía, o escaparatismo ou a xestión comercial. Esta cooperación permitiu crear novas coleccións de complementos e pezas artesanais elaboradas con redes recicladas, combinando o respecto polo oficio tradicional coa incorporación de deseños contemporáneos e abrindo novas oportunidades de mercado.

No caso concreto da Asociación Illa da Estrela, esta evolución traduciuse tamén na colaboración con destacados deseñadores e firmas, así como na creación de produtos innovadores que achegan valor engadido ao traballo das redeiras e contribúen á xeración de ingresos complementarios para o colectivo.

Ademais, as redeiras de Corme participan de maneira habitual en feiras especializadas co apoio da Fundación Artesanía de Galicia. Precisamente, esta fin de semana, participarán na feira tradicional Corazón da Artesanía en Agolada. Nestes encontros amosan como é posible conservar os coñecementos herdados de xeración en xeración ao tempo que exploran todas as posibilidades creativas dos materiais empregados no seu traballo e adaptan os seus produtos ás demandas actuais do mercado.

A delegada tamén lembrou a colaboración mantida co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, do que a asociación de redeiras forma parte como representante do sector e co que leva anos impulsando iniciativas destinadas a dinamizar o territorio, promover a sustentabilidade e poñer en valor o papel das mulleres do mar.

Belén do Campo subliñou que a asociación Illa da Estrela constitúe un exemplo de éxito da colaboración entre as administracións públicas, o tecido asociativo e o sector pesqueiro para preservar o patrimonio cultural marítimo, impulsar a innovación, fomentar a economía circular e crear novas oportunidades de emprego e riqueza nas zonas costeiras de Galicia. Desta maneira, as redeiras de Corme non só manteñen vivo un oficio esencial para a actividade pesqueira, senón que contribúen tamén a proxectar a artesanía galega e a identidade mariñeira da Costa da Morte dentro e fóra da comunidade.

Axudas Artesanía

A representante do Goberno autonómico aproveitou a visitar para animar aos posibles beneficiarios a solicitar as achegas da Xunta que teñen como obxectivo reforzar o apoio aos concellos para promover a organización de feiras no ámbito da artesanía.

Desta convocatoria poden beneficiarse os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. as asociacións profesionais e empresariais de artesáns/ás e os concellos. As axudas teñen como obxectivo facilitar a presenza dos obradoiros artesáns galegos en feiras profesionais e de venda directa, tanto de ámbito nacional como internacional, contribuíndo así á promoción, difusión e comercialización dos seus produtos.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou a importancia de que os profesionais do sector aproveiten esta liña de apoios, publicada o  12 de xuño no Diario Oficial de Galicia (DOG), que conta cun orzamento global de 265.000 euros e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de xullo. Da partida global, 180.000 euros están destinados aos artesáns e artesás,  35.000 ás asociacións e 50.000 aos consistorios.

Da convocatoria de 2025 beneficiáronse un total de 88 entidades en Galicia, a gran maioría obradoiros artesáns de Artesanía de Galicia que grazas a estes apoios puideron asistir a feiras nacionais e internacionais para impulsar os seus proxectos.

Concretamente, na provincia da Coruña, o ano pasado, repartíronse 33 achegas, das cales 30 foron para obradoiros artesanais, 2 para concellos e  1 para unha asociación por un importe total de case 100.000 euros.

Detalles da convocatoria

Con estas achegas aos obradoiros artesáns a Xunta apoia a asistencia a feiras profesionais ou feiras de venda directa, de ámbito nacional e internacional,  financiándolles aspectos como o alugueiro do espazo expositivo, seguros, servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento das feiras, servizos de tradución e transporte profesional do material expositivo, entre outros. Os obradoiros beneficiarios poderán recibir unha subvención máxima de 8.000 euros a través de tíckets por feira que irán dos 400 euros de mínimo en feiras de venda directa aos 3.000 euros de máximo en feiras profesionais, pasando polos 1.500 euros para feiras de Nadal.

En canto ás axudas asociacións profesionais ou empresariais de persoas artesás e aos concellos, outórganse para que organicen feiras en Galicia que poñan en valor os distintos oficios ao tempo que os obradoiros implicados aumentan vendas. En concreto, subvenciónanse gastos de infraestrutura, servizos feirais e de publicidade, entre outros.

No referido ás asociacións de artesáns, diríxense a aquelas nas que cando menos o 80% dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e as achegas poden chegar aos 18.000 euros con feiras ou eventos de artesanía de máis de 30 obradoiros involucrados e tamén poden optar a apoios para manter as súas páxinas web, a maiores segundo o número de inscritos de Artesanía de Galicia que represente

No caso dos concellos, prevense axudas tanto para a organización de feiras monográficas —as que son dun mesmo oficio tradicional— como non monográficas —as que inclúen distintos oficios—. Para as feiras monográficas, a cantidade máxima de apoio é de 18.000 euros e no caso das non monográficas, de ata 8.000 euros en función da porcentaxe de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2026