A Xunta defende o modelo galego de coxestión marisqueira e reafirma o seu compromiso coa recuperación dos bancos marisqueiros

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, avaliou de xeito positivo o sistema actual baseado no diálogo e rexeitou calquera reorientación de fondos que sinale a improvisación fronte aos criterios científicos

O plan de choque mobiliza recursos directos para a rexeneración estrutural das rías e inclúe achegas por traballos de restauración, mentres a Consellería reclama en Madrid unha maior protección social para as mariscadoras

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, interveu hoxe na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento para dar conta da valoración do modelo de xestión marisqueira e o destino dos fondos públicos consignados para paliar os impactos ambientais no sector. Durante a súa intervención, a responsable autonómica avaliou de forma moi positiva o actual modelo propio, profesionalizado e consolidado ao abeiro do Decreto 153/2019, definíndoo coma un sistema vivo e flexible baseado na coxestión real entre a Administración e as confrarías, o respaldo científico e a corresponsabilidade.

A directora xeral alertou contra os discursos que tentan sementar desconfianza ou dividir a produción e a comercialización, e defendeu que escoitar a toda a cadea mar-industria garante unha visión completa que fortalece ao sector. Respecto á posibilidade de reorientar os fondos do Plan de medidas adoptadas para a recuperación dos bancos marisqueiros, a responsable autonómica rexeitou por completo un cambio de rumbo que supoña abandonar a planificación técnica e xurídica vixente.

Ángeles V. Suárez explicou que o plan de choque conta cun orzamento de 33,6 millóns de euros para os anos 2026 e 2027, cofinanciado polo programa europeo FEMPA. Así, subliñou que estes recursos se destinan a medidas directas con impacto inmediato, destacando os convenios de colaboración coas confrarías que permiten que as mariscadoras sexan compensadas polo traballo en tarefas de rexeneración, ata un máximo de 700 euros mensuais.

A folla de ruta orzamentaria de 2026 complétase con axudas ordinarias e investimentos específicos de máis de 33 millóns de euros totais, incluíndo reforzos poboacionais de semente de alta calidade dende o criadeiro do Vicedo, restauración da biodiversidade, o proxecto de intelixencia artificial MaruxIA ou a prórroga dos plans de xestión ata 2029 para dar seguridade xurídica.

Resposta técnica ante o impacto de temporais

A directora xeral enmarca estas medidas na necesidade de afrontar unha situación produtiva complexa e multifactorial, condicionada por oscilacións cíclicas, patoloxías como a Marteilia no berberecho e, singularmente, polo impacto de oito borrascas consecutivas que entre xaneiro e febreiro deixaron choivas extremas e unha severa baixada de salinidade sobre uns bancos xa debilitados polos temporais de anos anteriores.

Ante a inacción do Goberno central, ao que instou a eximir ás mariscadoras do pago das cotas á Seguridade Social durante os ceses por forza maior, Ángeles V. Suárez, destacou que a Xunta foi máis alá das súas competencias ao encargar un estudo xurídico a dous catedráticos das universidades galegas. Esta proposta de reforma, xa presentada ao sector, deseña un novo réxime específico de protección por cesamento de actividade con dúas modalidades (ordinaria e extraordinaria), demostrando o compromiso firme do Executivo galego por protexer o medio de vida das mariscadoras.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/07/2026