Máis de 1.200 nenos e mozos desfrutarán este verán dos campamentos que promove a Xunta na Mariña

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou aos rapaces que pasan estes días no albergue xuvenil de Area, en Viveiro

Nestas instalacións e na Devesa, en Ribadeo, desenvolveranse distintas quendas de campamentos centrados en actividades mariñas e náuticas

Viveiro (Lugo), 3 de xullo de 2026

Máis de 1.200 nenos e mozos participarán este verán nos campamentos da Xunta nos albergues de Area, en Viveiro, e A Devesa, en Ribadeo.                                                                 

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe aos rapaces a rapazas que asisten á primeira rolda de actividades de NaturArea, a proposta de ambiente mariño e náutico que se desenvolve en Viveiro.                                                                         

Entre xullo e agosto haberá cinco quendas nas que se ofertan disciplinas como vela, windsurf, caiac, deportes na praia, unha aula de natureza mariña, olimpíadas de terra e mar e diferentes excursións.

Pola súa banda, A Devesa albergará tres edicións do campamento Multiaventura: ambiente e mar; outras tres da experiencia Acampada a carón do mar; e unha en Endevésate co mar.

Todos eles inclúen actividades náuticas, de aventura e natureza; xunto con outras iniciativas como xogos alternativos, ciencia divertida, aula de flora e fauna, concurso de talentos ou roteiros pola zona.

Así mesmo, as instalacións de Ribadeo acollerán do 27 ao 30 de agosto o campamento Surf na Mariña, con 40 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos .

Villares destacou que toda esta oferta “permite aos rapaces e rapazas desfrutar dunha alternativa de ocio saudable durante o verán, na que vivirán experiencias que lembrarán durante toda a vida e nun entorno fabuloso como o que ofrece A Mariña”.

Resaltou tamén que os campamentos constitúen unha opción de conciliación cada vez máis demandada polas familias, polo que a Xunta incrementou nos últimos anos o número de prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026