A directora xeral de Persoas con Discapacidade participou na XXVIII convivencia familiar que organizan Special Olympics e Fademga

A Xunta reafirma o seu compromiso coa atención á discapacidade a través da colaboración co tecido social

Begoña Abeijón lembrou que está aberto o prazo para que as entidades soliciten axudas económicas para programas ou investimentos nos recursos a través da convocatoria do IRPF

O Carballiño (Ourense), 5 de xullo do 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, trasladou este domingo na XXVIII convivencia familiar de Special Olympics e Fademga o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade, a integración e a inclusión grazas á colaboración co tecido social.

Na celebración que tivo lugar na Residencia de Tempo Libre da Xunta no Carballiño, Begoña Abeijón agradeceu o labor que desenvolven as entidades sociais na atención ás persoas con discapacidade, ao tempo que dan visibilidade ás súas necesidades e reivindican a súa autonomía e capacidades. Por iso, reafirmou o compromiso do Goberno galego con todo o tecido asociativo, a través do financiamento de programas, do concerto de prazas ou da creación de novos recursos.

Por iso mesmo, lembrou que este ano a Xunta volveu convocar as axudas para entidades a través da convocatoria do IRPF. Trátase, segundo explicou, dunhas achegas fundamentais para dar continuidade aos programas de atención e coidado ás persoas con discapacidade ou para novos investimentos nos recursos. O obxectivo é que o tecido social galego siga chegando a quen máis o precisa e estendendo o apoio do Goberno autonómico por toda a xeografía galega.

Data de actualización: 05/07/2026