Concertos do Xacobeo 2026 no peirao de Transatlánticos

O novo festival Son e Mar Vigo 2026 patrocinado pola Xunta suma ao seu cartel talento galego, grupos dos anos 90 e música disco

A delegada territorial, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, desvelan os artistas que completan o festival

Nados para Bailar abrirá o 4 de setembro o primeiro festival gratuíto na cidade con Safri Duo, Rebeca e Sonia Madoc

Grupos emblemáticos como Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez e Tam Tam Go actuarán o 5 de setembro no Aqueles Marabillosos Anos 90

O evento, que se celebrará no Porto de Vigo, programa o Orballo Cultural con Budiño, De Ninghures, Ortiga e Xabier Díaz

Xa estaban anunciados Killer Barbies, Golpes Bajos, Semen Up e Miguel Costas, ademais de HardGZ, único evento de pago

Vigo, 7 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o presidente  da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, presentaron este martes os artistas e grupos que completan o primeiro festival musical gratuíto que se celebrará na cidade, o Ciclo Son e Mar Vigo 2026, incluído na programación dos Concertos do Xacobeo. 

“Son e Mar será o colofón cultural da música este verano en Vigo, non o último do ano nin moito menos, posto que aínda temos por diante outras citas moi especiais como o MusicaV de clásica ou a música electrónica”, apuntou a representante autonómica.

Durante o acto de presentación, no que tamén estiveron o recoñecido artista galego Budiño, ademais do representante da organización, Luis Diz, a delegada territorial sinalou que “este festival chega para ofrecer unha variedade única no panorama da cidade, posto que abarca moitísimos estilos e tendencias coa intención de que todo o público teña a opción de poder asistir a un evento en directo gratuíto coa súa música preferida”.

Luisa Sánchez sinalou que “estamos a ver que vigueses e visitantes están encantados cos concertos que se están dando no porto de Vigo co apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia”. A vicepresidenta da Deputación desvelou que o ciclo musical abrirá coa serie Nados para Bailar, música disco no que se inclúen a Safri Duo, Rebeca e Sonia Madoc.

“Co Festival Son e Mar afondamos aínda máis nese apoio que estamos a dar ao talento local e ao talento galego, porque queremos que miles de persoas volvan desfrutar da música nun espazo aberto ao mar e no corazón da cidade e porque cando a música se atopa cunha contorna como esta, a experiencia transcende o concerto. Poucas localizacións poden ofrecer esta experiencia; queremos seguir poñendo en valor este privilexio”, engadiu Luisa Sánchez.

Son e Mar Vigo 2026

Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos.

Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados. Unha cifra que reflicte non só a magnitude do proxecto, senón tamén o enorme interese que espertará desde a súa presentación.

Seis días de música en dúas semanas

Segundo explicaron os organizadores, a actividade comezará o vindeiro 4 de setembro coa xornada Nados para bailar, dedicada á música dos anos 90. O sábado 5 de setembro será a quenda de Aqueles marabillosos anos 90, unha homenaxe á década que transformou a música pop e rock en España.

O evento reunirá a artistas históricos como Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez (La Unión) e Tam Tam Go, auténticos fenómenos de masas, protagonistas de números un en emisoras de radio e de concertos multitudinarios por todo o país.

Campus e Lingua Urbana con HardGZ

O xoves 10 de setembro chegará Campus, unha das grandes citas dirixidas ao público universitario. Este formato, xa consolidado noutras cidades galegas, conseguiu reunir en anteriores edicións a miles de estudantes ao redor dunha experiencia onde a música, a convivencia e a enerxía xuvenil son protagonistas absolutas. Vigo acollerá agora a edición máis ambiciosa celebrada ata a data coa participación de LG1DO e Barce.

O venres 11 de setembro terá lugar Lingua Urbana con HardGZ, o único evento de pago do ciclo e tamén un dos que máis expectación xerou. De feito, a venda anticipada xa bateu marcas, confirmando o enorme tirón dun artista convertido en referente absoluto da música urbana en Galicia e en boa parte do panorama nacional.

Movida Viguesa e Orballo Cultural

O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

O peche do ciclo, o domingo 13 de setembro, chegará con Orballo Cultural, a gran aposta de Son e Mar pola música galega contemporánea e de raíz. O evento reunirá a algúns dos artistas máis importantes e representativos de Galicia. Trátase de Budiño, De Ninghures, Ortiga e Xabier Díaz & Albufeiras de Salitre, músicos que conseguiron proxectar a cultura galega por todo o mundo mantendo intacta a súa identidade artística.

Xornadas e datas (peirao de Transatlánticos):

4 de setembro: Nados para bailar

5 de setembro: Aqueles marabillosos anos 90

10 de setembro: Unifes

11 de setembro: Lingua Urbana con HardGZ

12 de setembro: A Movida Viguesa

13 de setembro: Orballo Cultural

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026