Belén do Campo destaca o compromiso coa inclusión de West Galicia durante a visita ao campamento de verán que organizan no CEIP Curros Enríquez da Coruña

A representante do Goberno autonómico destacou que “este campamento é un exemplo de inclusión real, onde non existen barreiras, senón amizade, convivencia e oportunidades para todos os nenos, nenas e mozos participantes”

A Coruña, 7 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto coa presidenta de la asociación West Galicia, Carmen Blach, visitaron esta mañá o campamento inclusivo de verán organizado pola Asociación West Galicia no CEIP Curros Enríquez, onde puxo en valor o labor que desenvolve esta entidade en favor das persoas con discapacidade e das súas familias, así como a colaboración que mantén coa Xunta de Galicia para facer posible este tipo de iniciativas.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou que “este campamento é un exemplo de inclusión real, onde non existen barreiras, senón amizade, convivencia e oportunidades para todos os nenos, nenas e mozos participantes”.

A delegada salientou tamén a colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, con West Galicia, que conta con 376 socios, e trasladou o compromiso do Executivo autonómico de continuar apoiando as actividades desta entidade. Neste sentido, lembrou que este é o sexto ano consecutivo no que a Xunta colabora na organización destes campamentos en centros educativos, unha iniciativa que facilita que os nenos e nenas con discapacidade poidan acceder a unha oferta de lecer estival adaptada ás súas necesidades.

Nesta edición, o campamento desenvólvese no CEIP Curros Enríquez, entre o 22 de xuño e o 4 de setembro, en horario de 8.30 a 15.30 horas, cun total de 220 prazas, contribuíndo ademais á conciliación da vida familiar e laboral.

A representante autonómica subliñou que “grazas ao compromiso do tecido asociativo e ao apoio da Xunta, cada vez son máis as persoas que poden participar en actividades inclusivas durante o verán, compartindo experiencias enriquecedoras nun contorno seguro, adaptado e pensado para favorecer o seu desenvolvemento persoal”.

Na súa visita a delegada puido coñecer de primeira man o funcionamento dun campamento no que participan nenos, nenas e mozos con diferentes capacidades e idades, nun ambiente no que a flexibilidade, a atención individualizada e a convivencia constitúen os seus principais sinais de identidade.

Os participantes gozan diariamente de obradoiros creativos, actividades deportivas adaptadas, propostas sensoriais, saídas, xogos cooperativos, música, cociña e numerosas experiencias deseñadas para fomentar a autonomía, a socialización e o respecto pola diversidade. Todo iso baixo a supervisión dun equipo multidisciplinar integrado por terapeutas ocupacionais, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e profesionais da integración social.

A delegada quixo recoñecer especialmente o traballo da Asociación West Galicia, formada por familias que traballan para mellorar a calidade de vida de nenos e nenas con discapacidade, especialmente daqueles con síndrome de West, unha epilepsia infantil que require unha atención especializada e continuada, así como doutras persoas con trastorno do espectro autista e diversidade funcional.

“Detrás deste campamento hai moito máis que unha alternativa de conciliación. Hai un espazo onde cada participante atopa o seu lugar, fai amizades, gaña autonomía e vive un verán cheo de experiencias que contribúen ao seu benestar e ao das súas familias”, concluíu a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026