O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración mantivo un encontro co consello asesor de Ultreia Galicia en Carballeda de Avia

A Xunta reúne en Muimenta o consello asesor de Ultreia Galicia para seguir avanzando na estratexia de emprendemento ligado ao territorio

José González coñeceu as principais liñas de traballo e a evolución dos proxectos piloto desenvolvidos polos diferentes grupos constituídos para fortalecer o tecido emprendedor e favorecer novas oportunidades de desenvolvemento local

O encontro tamén serviu para poñer en valor a evolución do novo proxecto Muimenta Viva, promovido pola Xunta e o Concello de Carballeda de Avia e que busca avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial 

O conselleiro subliñou a importancia do traballo colaborativo que se está a desenvolver no seo do Consello Asesor para construír unha estratexia compartida que contribúa a reforzar o ecosistema emprendedor de Galicia

Lembrou que a Rede Ultreia suma xa 150 entidades adheridas e salientou o papel doutras ferramentas xa consolidadas, como a Rede de polos de emprendemento, que leva arredor de 6.800 proxectos atendidos en toda Galicia

Carballeda de Avia (Ourense), 6 de xullo de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe nunha nova reunión do consello asesor de Ultreia Galicia co obxectivo de avanzar nas liñas de traballo dos diferentes grupos constituídos para culminar o deseño da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia e reforzar a coordinación entre as entidades que integran este órgano.

A xuntanza, celebrada na aldea de Muimenta, en Carballeda de Avia, permitiu tamén poñer en valor este enclave como exemplo de dinamización do rural a través do emprendemento e coñecer de primeira man a evolución do novo proxecto Muimenta Viva, promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia para activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e consolidar un espazo público de innovación, colaboración e desenvolvemento local.

Durante a reunión avaliouse igualmente a evolución dos proxectos piloto promovidos polos distintos grupos de traballo, co fin de seguir configurando actuacións que contribúan a fortalecer o ecosistema emprendedor galego e a xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico e social.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que Ultreia Galicia continúa consolidándose como un espazo de cooperación entre o sector público e o privado para compartir coñecemento, coordinar esforzos e ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades das persoas emprendedoras. Neste sentido, puxo en valor a achega do Consello Asesor á definición dunha folla de ruta compartida para reforzar o ecosistema emprendedor de Galicia.

José González lembrou tamén que o manifesto de adhesión á Rede Ultreia suma xa 150 entidades e destacou o papel de ferramentas xa consolidadas como a Rede de polos de emprendemento, que leva arredor de 6.800 proxectos atendidos a través das súas 15 oficinas distribuídas por toda Galicia. Así mesmo, indicou que este labor dá continuidade ao recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e reforza o compromiso da Xunta cun emprendemento innovador, colaborativo e vencellado ao territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026