Medio Rural urxe ao Ministerio avances nas negociacións ante a Unión Europea para aplicar produtos fitosanitarios con drons

Así o trasladou a conselleira María José Gómez na reunión da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural celebrada hoxe de xeito telemático

Galicia segue reclamando que se flexibilice a normativa para os tratamentos aéreos con fitosanitarios, que actualmente é moi restritiva, así como incorporar novos produtos que se poidan empregar especificamente para isto

A maiores, volveu demandar ao Ministerio que concrete que fixo para negociar con Marrocos para permitir de novo a venda de bovinos procedentes de España a este país, que mantén pechada a fronteira por mor da Dermatose Nodular Contaxiosa

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026

A Consellería do Medio Rural solicitou esta tarde ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación información sobre os avances nas negociacións ante a Unión Europeo para poder aplicar tratamentos fitosanitarios específicos a través de dron. Así llo trasladou a conselleira María José Gómez ao ministro Luis Planas na reunión da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, celebrada hoxe de xeito telemático.

Desde Galicia séguese a reclamar que se flexibilice a normativa para os tratamentos aéreos con fitosanitarios, que actualmente é moi restritiva. Tamén, para poder incorporar novos produtos que se poidan empregar especificamente para isto. Neste senso, lembrou a situación do verme defoliador do millo, unha praga para a que se ten pedido a excepcionalidade para aplicar tratamentos específicos mediante dron.

Cómpre salientar que esta é unha demanda que a Consellería xa trasladou en reiteradas ocasións ante o Ministerio, dado que a aplicación aérea dos tratamentos reduce de xeito considerable os custes de produción, aumenta a eficiencia e, a diferencia dos medios mecánicos, non dana o cultivo cando o millo acada un alto grao de crecemento.

Por outra banda, tamén insistiu na necesidade de permitir un uso xenérico dos drons na aplicación de tratamentos de xeito aéreo, especialmente naquelas zonas de difícil acceso ou condicionadas pola propia orografía, como pode ser a Ribeira Sacra.

É preciso lembrar que actualmente o uso de drons para aplicación de tratamentos con fitosanitarios non está permitido salvo en casos especiais, que requiren autorización expresa por parte do órgano competente, ou cando sexan promovidas pola propia administración tanto para o control de pragas moi graves ou que supoñan unha rápida extensión sobre determinados cultivos ou áreas específicas. 

Apertura da exportación a Marrocos

Nesta reunión, a conselleira do Medio Rural volveu reclamar ao Ministerio que concrete que fixo para negociar con Marrocos para permitir de novo a venda de bovinos procedentes de España a este país, que é un dos mercados principais de exportación. Lembrou que Marrocos mantén pechada a fronteira con España por mor da  Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), pese a que non se detectaron novos casos desde o mes de marzo, nin en Cataluña nin Aragón.

Neste sentido, urxiu que se comece a flexibilizar esta situación, co fin de permitir de novo as vendas de bovino, xa que se trata dun mercado fundamental para que os produtores galegos poidan manter prezos estables e garantir a rendibilidade das súas explotacións.

Outras demandas ao Ministerio de Agricultura

No contexto desta reunión, a conselleira instou novamente ao Goberno central a tomar medidas que protexan ao produtores ante as baixadas dos prezos do leite nos contratos, tanto dentro do Paquete Lácteo como con modificacións na Lei da cadea alimentaria.

A maiores tamén solicitou que o MAPA xestione co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un plan de control de fauna salvaxe participado polas comunidades autónomas, co obxectivo de mitigar os riscos que poidan causar este tipo de animais, con enfermidades como a peste porcina africana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026