A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu hoxe no Parlamento
Allegue defende o ‘proxecto de cidade’ que suporá o PIA de San Mauro para Pontevedra, coa creación dun novo barrio para máis de 4.000 persoas
Explicou que a Xunta, a través deste Proxecto de Interese Autonómico desenvolverá solo para poder construír arredor de 2.010 vivendas, das que a meirande parte serán protexidas
Subliñou “o obxectivo de facilitar o acceso á vivenda, que máis mozos poidan emanciparse e que máis familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida en Pontevedra”
Destacou a interlocución da Xunta cos afectados do PIA de San Mauro, con 10 reunións e 2 máis hoxe mesmo, nas que se escoitan as demandas individuais e se presta asesoramento
Lembrou que os afectados poden optar polo realoxo en vivenda de reemprazo, polo prezo xusto ou por adquirir unha nova parcela para construír a vivenda, incluso polo propio IGVS
Aclarou que o xusto prezo do solo non o decide a Xunta, senón que se calcula conforme á normativa estatal de obrigado cumprimento para as comunidades
Detallou que no caso das vivendas se valorará a prezo de mercado aplicando un coeficiente redutor pola antigüidade, uns datos que hoxe coñeceron algúns dos afectados
Este PIA é un dos 13 enmarcados na Estratexia Galega de Solo Residencial para urbanizar solo onde construír 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, defendeu hoxe no Parlamento o “proxecto de cidade” en Pontevedra que suporá o PIA de San Mauro coa creación dun novo barrio para máis de 4.000 persoas.
Allegue explicou que a Xunta, a través deste Proxecto de Interese Autonómico (PIA), desenvolverá solo residencial en San Mauro para poder construír arredor de 2.010 vivendas, das que a meirande parte serán protexidas. Cabe recordar que este ámbito conta coa conformidade do Concello e tamén dos grupos, incluído o PSdG, que votou favorablemente ao seu desenvolvemento.
Subliñou que “o obxectivo é moi claro: facilitar o acceso á vivenda, que máis mozos poidan emanciparse e que máis familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida en Pontevedra e aquelas persoas que queren vivir e traballar nesta cidade atopen oportunidade para facelo”.
Lembrou que o acceso á vivenda é a principal preocupación da cidadanía e a Xunta está a dar respostas. Neste sentido, puntualizou que hoxe hai 2.227 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Pontevedra.
Remarcou que “hai que incrementar as vivendas dispoñibles, pero non hai solo para construír”, polo que o Goberno galego está a desenvolvelo mediante a Estratexia de Solo Residencial e a figura dos PIAs. Matizou que o solo do PIA de San Mauro é urbanizable e para adquirir a condición de urbano é preciso urbanizalo, que é ao que vai proceder a Xunta.
Interlocución cos afectados
Fixo fincapé na interlocución que vén mantendo a Xunta cos afectados do PIA de San Mauro desde hai máis dun ano, pois xa tiveron lugar 10 encontros e hoxe mesmo dous máis. Os representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) escoitan as demandas de cada un e apórtanlles a información e o asesoramento que precisen. Neste sentido, sinalou que hoxe pola mañá se tiveron reunións e agora pola tarde tamén se están a manter.
Resaltou que “esa é a nosa maneira de actuar, dialogando e buscando solucións, sempre desde o respecto ás persoas afectadas, e con certezas, non como está a facer o PSdG, xerando confusión”.
Sinalou que o Goberno galego, desde o primeiro momento, informou aos afectados de que poden optar polo realoxo en vivenda de reemprazo, polo prezo xusto ou por adquirir unha nova parcela para construír a vivenda, incluso polo propio IGVS.
Aclarou que o xusto prezo do solo non o decide a Xunta, senón que se calcula conforme á normativa estatal de obrigado cumprimento para as comunidades, o RD 1492/2011 de 24 de outubro. Engadiu que no caso das vivendas se valorará a prezo de mercado aplicando un coeficiente redutor pola antigüidade, uns datos que hoxe tiveron ocasión de coñecer individualmente algúns dos afectados.
Precisou que os valores que figuran no documento do PIA son estimativos, pero os definitivos se establecerán no expediente de expropiación, aínda non redactado.
Concluíu destacando que esta iniciativa se enmarca na Estratexia Galega de Solo Residencial para urbanizar solo onde construír 25.000 vivendas en Galicia, das que 20.000 serán protexidas.
Apuntou que segue avanzando a tramitación de 13 PIAS na comunidade, todos coordinados cos concellos, como no caso tamén de Pontevedra.