A sede da Xunta en Lugo acolle a exposición sobre o Arde Lucus organizada pola Cátedra de xestión cultural da USC

Propón unha aproximación á festa desde distintas perspectivas, con achegas de investigadores, fotógrafos ou asociacións de recreación histórica

Lugo, 10 de xuño de 2026

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo inaugurou hoxe a exposición “Arde Lvcvs. 25 anos de festa, 2000 anos de historia”, que presenta o evento desde distintas perspectivas a través das achegas de investigadores, fotógrafos ou asociacións vinculadas á cita. Poderá visitarse de forma gratuíta en horario de 9 a 19:30 horas ata o mes de decembro.

O delegado territorial, Alfonso Villares, felicitou aos responsables da iniciativa, sinalando que é unha das primeiras actividades da recentemente estreada Cátedra de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela no Campus Terra, que dirixen os profesores Gonzalo Fernández Suárez e Dolores Fernández Tilve.

No acto de inauguración participaron tamén a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; a  vicepresidenta do Parlamento, Raquel Arias, e as  comisarias da mostra, as profesoras da Facultade de Humanidades de Lugo Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro, entre outros.

Os visitantes coñecerán aspectos como a historia da cidade en época romana, cunha recreación dixital da indumentaria, ou a evolución do deseño dos carteis desde a primeira edición da festa; tamén se inclúe unha instalación interactiva destinada a fomentar a participación do público infantil, ou a obra “A previa”, da fotógrafa e deseñadora gráfica Esther López, que ofrece unha aproximación persoal aos preparativos da edición deste ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026