Galicia aposta polas redes intelixentes, a IA e a Ciberseguridade como piares clave para consolidar un territorio máis accesible, conectado e competitivo

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou o foro Conectar Galicia para competir, organizado por Prensa Ibérica-Vodafone

Destacou a Estratexia Galicia Dixital 2030 para avanzar no desenvolvemento das tecnoloxías emerxentes e adaptalas e poñelas ao servizo das características e necesidades de Galicia, dos cidadáns e dos sectores estratéxicos

Vigo, 10 de xullo de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a aposta do Goberno galego polas redes intelixentes, a intelixencia artificial e a ciberseguridade como piares clave para consolidar a Galicia como un territorio máis accesible, conectado e competitivo, no que a tecnoloxía sirva para reducir desigualdades e acercar servicios.

“Desde o Goberno galego estamos comprometidos co desenvolvemento e a implantación das novas tecnoloxías para situar a nosa comunidade e, por conseguinte, ao tecido empresarial galego, como referente neste ámbito”, asegurou, durante a inauguración do foro Conectar Galicia para competir, organizado por Prensa Ibérica-Vodafone.

Con este obxectivo, referiuse á Estratexia Galicia Dixital 2030 para avanzar no desenvolvemento das tecnoloxías emerxentes, como o internet das Cousas ou a Economía do dato, e adaptalas e poñelas ao servizo das características e necesidades de Galicia, dos cidadáns e dos sectores estratéxicos.

Nesta mesma liña, Corgos lembrou que a Xunta foi tamén a primeira administración autonómica en crear unha estrutura de colaboración público-privada para afrontar os retos da ciberseguridade co Nodo Ciber.gal, do que forman parte máis de medio centenar de importantes empresas galegas, así como concellos e deputacións, ademais do Centro Criptolóxico Nacional, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, as universidades e os centros de investigación.

“E traballamos para dispor das mellores contornas para esa especialización, como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estamos a concluír en Ourense”, engadiu, destacando tamén a recente posta en marcha do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade da Xunta, centrados en produtos con elementos dixitais e a protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.

Así mesmo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que a Xunta seguirá a aproveitar o impacto da IA para mellorar o sector empresarial e o benestar da cidadanía.

Sobre este punto, lembrou a posta en funcionamento de iniciativas como a Rede Galega do internet das Cousas, que permite a instalación de ata 300.000 sensores para o control de caudais, medicións ambientais ou fluxos de persoas; a Plataforma Agroforestal de Galicia, para facilitar o traballo de agricultores, gandeiros e silvicultores; ou a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0, orientada a optimizar os transportes públicos.

Corgos destacou que, neste momento, na Xunta xa se está empregando esta tecnoloxía para introducir melloras na maioría de áreas para, por exemplo, interpretar probas radiolóxicas na sanidade, automatizar os trámites da Administración, monitorizar o benestar e a saúde das persoas maiores ou con discapacidade ou conectar a oferta de emprego coa demanda en base a perfís profesionais.

En relación ás iniciativas orientadas ás necesidades da economía galega, salientou que o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2026-2028 recolle varías liñas para impulsar o talento investigador, aos grupos e centros de investigación do Sistema Universitario Galego e ao emprendemento especializado.

Miguel Corgos concluíu a súa intervención garantindo o compromiso e a implicación da Xunta para seguir unindo forzas entre a iniciativa pública e privada co obxectivo común de que Galicia sexa un territorio cada vez máis conectado e, por tanto, máis competitivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026