A Xunta conta cunha estratexia de prevención e resposta ante episodios de seca baseada na mellora da eficiencia das redes de abastecemento e no seguimento permanente dos ríos e encoros

Rueda destaca que, nos últimos anos “destináronse máis de 16 M€” aos concellos para avanzar na dixitalización dos sistemas de cara a detectar con antelación problemas nos depósitos, perdas, avarías ou consumos anómalos

Reducir e controlar as perdas constitúe unha das medidas máis eficaces para reforzar a garantía do abastecemento e reducir a diferenza entre a auga que entra no sistema e a que figura como subministrada á cidadanía

O organismo hidráulico tamén leva investidos 4,5 M€ nos encoros de titularidade autonómica co fin de garantir a eficiencia no almacenamento da auga e, a maiores, colabora co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España para mellorar o coñecemento das augas subterráneas da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa

A través da Oficina Técnica da Seca realízase un seguimento continuo das precipitacións, as temperaturas, os caudais dos ríos e o estado dos encoros para determinar a adopción das medidas máis convenientes desde o punto de vista técnico

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello realizou hoxe un balance da estratexia que ten en marcha o Goberno autonómico para a prevención e resposta inmediata ante episodios de seca. Unha estratexia que, segundo explicou, céntrase “no seguimento permanente dos ríos e encoros co fin de detectar anticipadamente as tendencias desfavorables” e na adopción das medidas necesarias en cada momento, así como “no apoio aos concellos” para melloras na súas redes de abastecemento.

Así, o Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe sobre as medidas adoptadas por Augas de Galicia neste eido e que pon o foco no traballo realizado polo organismo hidráulico á hora de promover que as entidades locais poidan prepararse con antelación para afrontar posibles problemas de abastecemento e actuar de forma ordenada ante os retos que supón o cambio climático no que atinxe á xestión da auga.

Tal e como resaltou o presidente, “a Xunta leva mobilizado máis de 16 millóns de euros nos últimos anos” en diferentes “liñas de axudas aos concellos” tanto para elaborar os plans municipais de emerxencia ante situacións de seca como para mellorar as redes de abastecemento. Estes apoios centráronse sobre todo no financiamento de auditorías para identificar perdas e executar actuacións para reducilas, así como na instalación de contadores municipais e estacións de monitorización dixital que permiten controlar en tempo real o estado das instalacións, a calidade da auga, o consumo enerxético ou as posibles incidencias.

Cómpre indicar que a aposta pola dixitalización dos sistemas de abastecemento é clave neste contexto na medida en que permite detectar as perdas, as avarías, os consumos anómalos ou os problemas nos depósitos e nas redes. Así, pásase dunha xestión baseada en revisións puntuais a unha xestión preventiva e baseada en datos en tempo real.

O informe elaborado por Augas de Galicia subliña que reducir e controlar as perdas é precisamente unha das medidas máis eficaces para reforzar a garantía do abastecemento. Neste sentido, os datos que manexa o organismo hidráulico no referido á cantidade de auga que entra nos grandes sistemas de abastecemento municipais e a que figura como subministrada apuntan a unha diferenza de arredor de 26,4 millóns de metros cúbicos entre ambos indicadores.

Trátase dunha diferenza do 17,8% -equivalente a case un de cada cinco litros- que se ben non se corresponde na súa totalidade con fugas físicas, si permite identificar a dimensión do reto e a necesidade de mellorar tanto a medición como a eficiencia das redes.

A maiores das liñas de apoio aos concellos no eido do abastecemento, a Xunta tamén realiza un importante investimento nos encoros de titularidade autonómica para garantir a súa seguridade, o seu bo funcionamento e a súa eficiencia no almacenamento da auga. En concreto, nos últimos anos investíronse 4,5 millóns de euros nas presas de Eiras, Baiona, O Con e Caldas de Reis a través de diferentes contratos de explotación, conservación e mantemento destas infraestruturas.

Coa mirada posta no futuro, Augas de Galicia está así mesmo colaborando co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC) para mellorar o coñecemento das augas subterráneas da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. O obxectivo concreto é identificar as zonas con maior potencial hidroxeolóxico que poden resultar especialmente útiles para os pequenos sistemas de abastecemento, o rural disperso e como apoio complementario durante episodios de escaseza.

Plan especial de seca e situación actual

A Xunta conta cun Plan especial de seca da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado en 2022, que permite actuar de forma anticipada ante situacións de falta de auga. Unhas actuacións que veñen determinadas polo seguimento continuo das precipitacións, as temperaturas, os caudais dos ríos, o estado dos encoros e as posibles incidencias nos sistemas de abastecemento.

Esta información analízase no marco da Oficina Técnica da Seca, un órgano de coordinación no que participan Augas de Galicia, MeteoGalicia, Protección Civil e as consellerías de Sanidade e Medio Rural e que é o encargado de elaborar informes periódicos sobre a evolución dos indicadores de seca e escaseza, así como un boletín hidrolóxico semanal dos encoros de abastecemento.

O presidente indicou que, actualmente, a situación xeral da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa “é de normalidade” desde o punto de vista da seca prolongada. Ademais, os encoros destinados ao abastecemento nesta demarcación situábanse na semana pasada conxuntamente “ao 86,52 % da súa capacidade”. Non obstante, resulta necesario manter o seguimento estreito da evolución durante os próximos meses de cara a adoptar as medidas máis convenientes desde o punto de vista técnico en cada momento.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2026