A Xunta destina os 3 M€ da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental a máis dun cento de proxectos de entidades locais
O Diario Oficial de Galicia publica as iniciativas presentadas polas entidades beneficiarias, unha ducia delas promovidas por mancomunidades e consorcios, 16 por agrupacións de concellos e 80 proxectos de concellos, para accións a prol da biodiversidade, do coñecemento dos recursos naturais, da recuperación da contorna e da eficiencia enerxética
A dotación inicial do Fondo para este ano supera os 11,4 millóns de euros e ademais da liña resolta hoxe inclúe outra non competitiva dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e liñas de evacuación
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da liña competitiva Fondo de Compensación Ambiental (FCA), destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural. En concreto, dos 3 millóns destinados ao financiamento desta liña resultaron beneficiarias máis dun cento de entidades locais de toda a comunidade, das que máis dunha ducia foron promovidas por mancomunidades e consorcios, 16 por agrupacións de concellos e 80 proxectos presentados por municipios de forma individual.
Entre as accións subvencionables inclúense actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou á recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén se apoian iniciativas de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables e outros proxectos de protección do ambiente e do espazo natural. A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.
Xunto con esta liña en concorrencia competitiva, inicialmente dotada con 1,9 millóns de euros e ampliada ata algo máis dos 3 millóns , o Fondo de Compensación Ambiental inclúe outra en concorrencia non competitiva dotada con 6 millóns de euros dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e liñas de evacuación. A estas contías súmanse 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco. Polo tanto, a dotación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para este exercicio incrementouse este ano ata os 11,4 millóns de euros, fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias.
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.