A Xunta apoia con máis de 1,2 M€ a 60 entidades de economía social da provincia de Pontevedra a través do Bono Consolida

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou en Vigo as instalacións de Lutería Artística Sociedade Cooperativa Galega

Alí destacou o impacto das axudas orientadas á consolidación destas entidades, que na convocatoria de 2026 permitiron apoiar 131 cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego en Galicia

En concreto, a cooperativa viguesa, integrada polos lutiers Anxo Cabreira e Elena Sofia Zum Egen, recibiu unha achega de 19.500 € para adquirir equipamento especializado de restauración e un vehículo híbrido destinado ao transporte de instrumentos

Mariño puxo en valor a iniciativa como exemplo de como a economía social favorece a creación de emprego de calidade e a cooperación, impulsa actividades altamente especializadas e contribúe á preservación de oficios de gran valor engadido

Así mesmo, lembrou que Galicia supera xa as 2.000 cooperativas activas, cunha facturación anual próxima aos 3.400 M€, e reiterou o compromiso da Xunta co fortalecemento deste modelo empresarial

Vigo, 14 de xullo de 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe as instalacións de Lutería Artística Sociedade Cooperativa Galega, entidade beneficiaria do Bono Consolida, unha liña coa que a Xunta apoia este ano con máis de 1,2 M€ a 60 entidades de economía social da provincia de Pontevedra.

Durante a visita, puxo en valor o labor desenvolvido por esta cooperativa viguesa, integrada polos lutiers Anxo Cabreira e Elena Sofia Zum Egen Alfonso, como exemplo da capacidade da economía social para crear emprego de calidade, impulsar actividades altamente especializadas e contribuír á preservación de oficios de elevado valor engadido desde valores como o coñecemento e a cooperación.

Neste contexto, Mariño lembrou que o Bono Consolida forma parte da aposta global da Xunta pola economía social, á que este ano se destinan preto de 45 M€. Na convocatoria de 2026, concretamente esta liña permitiu apoiar un total de 131 cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego en toda Galicia, favorecendo a súa modernización mediante investimentos en transformación dixital, eficiencia enerxética e mellora dos procesos produtivos, entre outros.

No caso de Lutería Artística S.C.G., a Xunta concedeu unha achega de arredor de 19.500 euros para a adquisición de equipamento especializado destinado aos traballos de restauración e axuste de instrumentos musicais, así como dun vehículo híbrido de baixo consumo que facilitará o transporte de instrumentos, accesorios e ferramentas, reforzando deste xeito a capacidade operativa e a competitividade do obradoiro.

Compromiso coa economía social

A directora xeral subliñou que estes apoios se enmarcan no compromiso do Goberno galego co fortalecemento da economía social, un modelo empresarial con capacidade para crear emprego estable, fortalecer o tecido produtivo e contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Así mesmo, lembrou que Galicia supera na actualidade as 2.000 cooperativas activas, cunha facturación anual próxima aos 3.400 M€, unha evolución que confirma a consolidación desta fórmula de negocio e o seu peso crecente na economía galega.

Neste sentido, destacou que a Xunta continúa avanzando na tramitación da nova Lei de cooperativas de Galicia, coa finalidade de dotar o sector dun marco normativo máis moderno, flexible e adaptado á realidade actual. Todo iso, sinalou, no marco da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, coa que o Executivo autonómico aspira a crear 4.000 empregos e impulsar 400 novas entidades de economía social, consolidando estas entidades como motores de emprendemento e de impacto no territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2026