María José Gómez comparte as últimas novidades do servizo de prevención e extinción de incendios forestais cunha delegación de emerxencias andaluza
A conselleira do Medio Rural participou hoxe na recepción desta delegación técnica, que estará na nosa comunidade esta semana para intercambiar experiencias e coñecemento sobre a resposta antes os lumes
Participarán nunha reunión de traballo con persoal técnico da Dirección Xeral de Defensa do Monte, na que se abordarán cuestións relacionadas coa planificación, coordinación e innovación tecnolóxica
Durante a súa estadía coñecerán as principais infraestruturas e centros operativos do dispositivo galego, como son a base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra ou o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, entre outras
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, recibiu hoxe no Centro de Coordinación Central (CCC) de Santiago de Compostela unha delegación técnica da Axencia de Seguridade e Xestión Integral de Emerxencias de Andalucía (EMA), que estarán na nosa comunidade esta semana para coñecer en primeira persoa o modelo galego de prevención e extinción de incendios forestais, e en particular as últimas novidades introducidas este ano no Pladiga 2026.
Gómez explicou que esta visita se enmarca na estreita colaboración institucional existente entre ambas administracións, co fin último de intercambiar experiencias e coñecemento sobre a resposta ante os lumes. Deste xeito, favorécese tamén a cooperación técnica e operativa entre os dous territorios.
Polo tanto, na xornada de hoxe, ademais de coñecer as instalacións do CCC, participarán nunha reunión de traballo con persoal técnico da Dirección Xeral de Defensa do Monte, na que se abordarán cuestións relacionadas coa planificación, coordinación, innovación tecnolóxica e mellora continua dos sistemas de resposta ante as emerxencias forestais.
Reunións con unidades especializadas
Neste contexto, amosaráselles o funcionamento da rede de videovixilancia de incendios forestais, así como as últimas ferramentas dixitais desenvolvidas polo Goberno autonómico para mellorar a xestión das emerxencias, como é o caso da incorporación de intelixencia artificial ao sistema interno de xestión Xeocode ou a aplicación móbil ALume, xa dispoñible para descarga, e a través da cal a cidadanía pode alertar dos incendios. Impartiranse tamén nocións sobre o Xeocode, unha ferramenta de referencia para a xestión integral dos lumes en Galicia.
A delegación andaluza manterá igualmente diversas xuntanzas técnicas coa Unidade Técnica de Apoio (UTA) e coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), co obxectivo de coñecer a metodoloxía de investigación das causas dos incendios, os sistemas de análise operativa e os mecanismos de planificación empregados pola comunidade autónoma.
Visita ás infraestruturas
Durante os vindeiros días esta delegación da EMA coñecerá as principais infraestruturas e centros operativos do dispositivo galego, como son a base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra; o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, referente internacional na formación de bombeiros forestais; e o Centro de Coordinación Provincial de Ourense, entre outras instalacións.
Esta visita pretende constituír un novo paso na consolidación das relacións de cooperación entre Galicia e Andalucía, favorecendo o intercambio permanente de experiencias, coñecementos e innovacións, así como o desenvolvemento de actuacións conxuntas que permitan reforzar a capacidade de ambas administracións fronte aos retos actuais relacionados cos grandes incendios forestais ou o cambio climático. De feito, esta visita enmárcase no proxecto europeo CILUMES INTEROPERA, no que participa Galicia e Andalucía a través destes departamentos.
Unha colaboración con vocación de futuro
A cooperación entre Galicia e Andalucía pretende seguir fortalecéndose mediante a presentación conxunta de novas candidaturas a programas europeos, especialmente no marco de Interreg Sudoe e doutras iniciativas comunitarias vinculadas á protección civil, á prevención de riscos naturais e á adaptación ao cambio climático.
As dúas administracións comparten o obxectivo de avanzar no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas para a detección temperá de incendios, na aplicación da intelixencia artificial e da análise avanzada de datos á xestión das emerxencias, na investigación de novos modelos de prevención e ordenación do territorio, así como na incorporación de medios innovadores de extinción, como vehículos motobomba de baixas emisións, sistemas non tripulados (drons), novas plataformas aéreas e ferramentas dixitais de apoio á decisión.