Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada na XXII Feira Outrora de Bóveda
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu á degustación de IXP Ternera Gallega con produtos de amparados por selos de calidade diferenciada
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, tamén estivo presente nesta feira e destacou a importancia destas iniciativas para dar valor a actividades e oficios representativos do rural
Bóveda (Lugo), 14 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte; e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; asistiron hoxe á XXII Feira Outrora de Rubián en Bóveda. Nela, a Consellería colaborou para promocionar e poñer en valor os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada, así como as potencialidades do medio rural.
Nesta feira, Alemparte participou nunha desgustación da IXP Ternera Gallega, con produtos galegos amparados por selos de calidade diferenciada. Durante a súa intervención destacou que estas producións representan moito máis ca unha garantía de calidade, “son unha expresión da identidade dos nosos territorios, do saber facer das persoas produtoras e dunha forma de xerar valor engadido que contribúe a dinamizar a economía rural”. Neste sentido, puxo en valor a aposta da Xunta por seguir impulsando unhas producións vencelladas á orixe, ás variedades autóctonas e ao territorio, reforzando o seu prestixio e a súa capacidade para crear riqueza e oportunidades no rural galego.
Ademais desta degustación, promovéronse unha de queixos galegos con denominación de orixe protexida gañadores do ouro nas Catas dos Queixos de Galicia 2025; outra de doces de Artesanía Alimentaria con augardentes e licores tradicionais de Galicia; e unha última cata comentada de queixos de Artesanía Alimentaria.
Pola outra banda, Rodríguez estivo presente na tarde desta xornada, que contou cunha programación centrada nos oficios tradicionais e na artesanía galega. A directora destacou a importancia destas iniciativas para dar valor ao potencial de actividades como a malla, tan representativas e características do rural galego.
Cómpre destacar que a Consellería segue a traballar para potenciar os produtos agroalimentarios de calidade alimentaria. Neste sentido, conta co Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, que este ano dispón dun orzamento de 10 millóns de euros, dous millóns máis que no ano 2025. O seu obxectivo é reforzar a promoción destas producións, incrementar o seu posicionamento nos mercados e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural galego.