A nova spinoff TraffikGene, apoiada polo programa Ignicia da Xunta, lanza a súa tecnoloxía vinculada á innovación na saúde

A Xunta concedeu cerca de 500.000€ á idea innovadora inicial que derivou na creación desta compañía, nacida tras sete anos de investigación no CIQUS do equipo de Javier Montenegro, investigador Oportunius

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

Nace en Santiago TraffikGene S.L., a nova spinoff da Universidade de Santiago (USC) que recibiu case 500.000€ da Xunta de Galicia a través do Programa Ignicia Proba de Concepto. Esta compañía constitúese para comercializar a tecnoloxía que leva anos desenvolvendo no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), unha plataforma que facilita o transporte de fármacos ata as células do organismo.

A compañía nace logo de sete anos de investigación neste centro galego de investigación, que forma parte da rede de centros de excelencia da Xunta (Rede CIGUS), do grupo dirixido polo investigador do programa Oportunius Javier Montenegro, xunto con Marisa Juanes, Irene Lostalé-Seijo e Alberto Fuentes, que crearon o novo método desde a súa orixe. TraffikGene é precisamente o nome da tecnoloxía que lograron desenvolver, que permite aos fármacos baseados en material xenético atravesar de maneira segura as barreiras celulares ata chegar ao interior da célula. Esta tecnoloxía, máis sinxela que outras alternativas que hai no mercado, poderá aplicarse en novas terapias avanzadas.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Axencia Galega de Innovación, considera que TraffikGene é un exemplo de éxito que demostra como o investimento público se traduce en resultados reais, e como as ideas innovadoras iniciais poden chegar ao mercado, que é o principal obxectivo do programa Ignicia Proba de Concepto. A directora da Axencia, Carmen Cotelo, asegura que esta iniciativa é unha óptima opción para a transferencia de resultados da actividade investigadora.

Esta nova spinoff asinou recentemente o seu primeiro acordo de colaboración coa compañía biotecnolóxica norueguesa Circio, o que indica o interese do mercado. Ata o momento, TraffikGene captou máis de 3,5 M€ entre os fondos da Xunta e de varios programas europeos.

14 spinoffs en cinco anos

Nas cinco edicións do programa Ignicia Proba de Concepto, a Xunta apoiou 41 proxectos que mobilizaron preto de 17M€. Creáronse 14 spinoffs e asináronse tres acordos coa industria, xerando emprego de alta cualificación e fortalecendo o ecosistema galego de innovación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026