A Xunta clausura hoxe en Boiro unha nova Feira galega de artesáns

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a ‘Feira Galega de Artesáns’ que arrancou o pasado venres e na que participan 14 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia

O evento forma parte do calendario de feiras de venda directa impulsadas pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co patrocinio da Xunta e que se celebrarán en diferentes localidades ata o mes de setembro

A visita serviu para lembrar a nova liña de axudas cun orzamento de 1 M€ para contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais, con prazo de solicitude aberto deica o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito

Boiro (A Coruña), 19 de xullo de 2026

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata a Feira Galega de Artesáns de Boiro, que se clausura ás 15,00 h. de hoxe tras a súa apertura o pasado venres. Organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co patrocinio da Xunta, nela participan 14 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia especializados na marroquinería, bixutería, vidro, traxe tradicional, complementos de moda, cerámica e encadernación.

En concreto, trátase dos obradoiros Arlequina Diseño (Ribeira), Malas Herbas Artesanía (Pontecesures), Joiasos (Ames), A Arte Sá (Muros), LatonQueen (Santiago de Compostela), Mestura de Kores (Vigo), Liño e La (Gondomar), Bo Peixe (Sada), Chueco (A Coruña), Moira (Valdoviño), RenéVelasco Diseño (Lugo), Serendipia Creative e Atelis Ceramics (Viana do Bolo) e Elgoal (A Rúa).

A Feira Galega de Artesáns de Boiro forma parte dun calendario de feiras de venda directa que se van desenvolver en diferentes localidades galegas ata o mes de setembro. En concreto, está previsto celebrar 12, protagonizadas exclusivamente por profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Ata o de agora xa se realizaron en Ferrol, Padrón, San Sadurniño, Ribadavia, Oroso, A Estrada, Ribadeo, Noia e Foz, e están programadas en Ponteareas e Lugo.

O obxectivo destes eventos é achegar o produto artesán galego á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia, contribuír á dinamización cultural, económica e turística e ofrecer ás persoas artesás un espazo de venda directa de calidade en diferentes zonas.

Nova liña de apoios

A visita serviu para lembrar que a Xunta puxo en marcha este ano, por primeira vez, unha liña específica dotada con 1 M€ dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional destinada a incentivar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais.

En concreto, subvencionaranse contratos a xornada completa durante un mínimo de 12 meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, coa previsión de beneficiar unhas 50 persoas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2026