A Xunta reafirma o seu compromiso co concello de Xermade en favor da recuperación e posta en valor do oficio da tornería de madeira
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participaron hoxe na inauguración do Centro Internacional de Tornería A Reitoral
Poñendo de relevo este espazo de referencia para a formación, a demostración e a divulgación do oficio, a Xunta revalidou o seu apoio á organización do ‘Encontro Internacional de Torneiros da Madeira’ en setembro, consolidado a nivel europeo
A visita serviu para lembrar a nova liña de axudas cun orzamento de 1 M€ para contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais, con prazo de solicitude aberto deica o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito
Xermade (Lugo), 17 de xullo de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participaron hoxe na inauguración do Centro Internacional de Tornería A Reitoral, impulsado polo Concello de Xermade co obxectivo de establecer un espazo de referencia para a formación, a demostración e a divulgación deste oficio tradicional de tanto arraigo neste municipio lugués. Localizado no edificio dunha antiga casa reitoral rehabilitado para concentrar a actividade vinculada á promoción e exhibición da tornería de madeira durante todo o ano, o centro permitirá darlle continuidade ao traballo realizado para o Encontro Internacional de Torneiros.
Así, o acto tamén serviu para presentar a edición número 26 do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro e que, un ano máis, contará coa colaboración da Xunta. Trátase dun espazo de aprendizaxe, promoción e confluencia no ámbito da artesanía de madeira —dirixido tanto a profesionais como a afeccionados á tornería— que é xa unha referencia en Europa por contribuír ao mantemento, recuperación e evolución neste oficio artesanal.
No programa contémplanse demostracións e talleres impartidos por profesionais de prestixio internacional, mostra de pezas das persoas participantes e a Exposición Itinerante de Madeira Torneada Contornos, na que se amosarán traballos seleccionados do Encontro de Torneiros do ano pasado. A maiores, está prevista a participación de torneiros de grande relevancia en Europa: o francés Pierre Cornélis, o inglés Kevin Hutson, o portugués Paulo de Tarso e o galego Manuel “Lolo” Castro, das Pontes, un dos mellores torneiros de madeira do continente, impulsor deste encontro en Xermade e divulgador do oficio que recibiu o Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.
Nova liña de apoios
A visita serviu para lembrar que a Xunta puxo en marcha este ano, por primeira vez, unha liña específica dotada con 1 M€ dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional destinada a incentivar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais.
En concreto, subvencionaranse contratos a xornada completa durante un mínimo de 12 meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, coa previsión de beneficiar unhas 50 persoas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito.