O delegado territorial destaca a mellora da pista de Xarrapio para reforzar a seguridade e a mobilidade en Poio
A actuación contou cun investimento de máis de 47.000 euros
Os traballos permitiron acondicionar o firme, mellorar a drenaxe e realizar labores de mantemento nas marxes da vía
Poio (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá a pista de Xarrapio, na parroquia de San Xoán de Poio, onde a Xunta levou a cabo unha actuación de mellora destinada a incrementar a seguridade e facilitar a mobilidade nesta vía de uso local.
En concreto, a intervención contou cun investimento de máis de 47.000 euros, permitindo actuar sobre distintos elementos da infraestrutura para garantir unhas mellores condicións de circulación.
O delegado territorial destacou que “este tipo de actuacións, aínda que poidan parecer pequenas, teñen un impacto moi importante na vida diaria da veciñanza, xa que permiten contar con vías máis seguras, cómodas e adaptadas ás necesidades do rural”.
Os traballos consistiron na regularización da plataforma mediante maquinaria especializada, así como na mellora do firme nos treitos que o precisaban, completándose posteriormente coa compactación de toda a superficie do camiño.
A actuación incluíu tamén labores de limpeza das cunetas e a instalación de novos pasos de auga de 0,6 metros de diámetro para favorecer a drenaxe da vía e evitar a acumulación de escorrentías. Ademais, realizouse a roza das marxes naqueles puntos nos que as condicións do terreo o permitían.
Fernández puxo en valor “o compromiso da Xunta co mantemento e conservación das infraestruturas viarias, especialmente no ámbito rural, onde este tipo de actuacións contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a facilitar os desprazamentos diarios”.
O delegado territorial concluíu lembrando que a conservación da rede de pistas e camiños constitúe unha prioridade para o Goberno galego, “porque unhas comunicacións en boas condicións son fundamentais para garantir a seguridade, favorecer a actividade económica e contribuír á fixación de poboación no territorio”.