Román Rodríguez destaca o liderado universitario de Galicia no eido matemático a nivel estatal

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o XXVII Encontro Nacional de Estudantes de Matemáticas que se celebra esta semana en Santiago

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destaca o liderado universitario de Galicia no eido matemático a nivel estatal, coa Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela no quinto posto no ranking das 50 mellores de España segundo a publicación de El Mundo. Así o salientou durante a inauguración do XXVII Encontro Nacional de Estudantes de Matemáticas que durante esta semana congrega na capital de Galicia a unhas 300 persoas participantes de todas as facultades de España.

Así mesmo, o titular de Educación do Goberno galego salientou a aposta da Xunta por reforzar a aprendizaxe das matemáticas nas aulas galegas co obxectivo de preparar “o mellor posible” ás novas xeracións de estudantes. Neste senso, subliñou o peso “cada vez maior” dos coñecementos de áreas como as matemáticas, a física ou a intelixencia artificial na formación do alumnado de cara ao seu futuro profesional e laboral. De aí que a Xunta de Galicia teña en marcha unha folla de ruta para reforzar esta aprendizaxe cunha liña específica a través do Plan MEGA, de mellora educativa de Galicia, no que se aposta polo fomento das competencias clave.

Román Rodríguez felicitou á organización por este encontro que conta cunha ampla axenda de charlas e ponencias para o intercambio e a actualización de coñecemento entre expertos do ámbito académico e empresarial. Tamén emprazou aos estudantes a aproveitar o evento para coñecer os últimos avances, tendencias e aplicacións prácticas nesta área de coñecemento.

Data de actualización: 19/07/2026