Medio Rural inviste preto de 470.000 euros para impulsar pasteiros nos concellos da Lama e Cerdedo Cotobade

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe as zonas nas que se desenvolveron, nunha superficie total de 64 hectáreas

Dentro do orzamento incluíronse estruturas e acondicionamento para o benestar dos animais, como a instalación de comedeiros e de cancelas, así como diversos traballos de preparación do terreo como roza mecanizada, abonado ou sementeira

Estes pasteiros inclúense no Plan de Pastos de Galicia, que desde 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pastos, cun investimento total de case 15 millóns de euros

A Lama (Pontevedra), 20 de xullo de 2026

O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe os concellos da Lama e Cerdedo Cotobade, onde comprobou os traballos realizados en dous pasteiros desenvolvidos nestas zonas. En total destináronse case 470.000 euros para a súa posta en marcha nunha superficie de 64 hectáreas, coa preparación do terreo, así como á construción de novas infraestruturas e melloras para o benestar do gando.

En primeiro lugar, o director visitou o pasteiro do concello da Lama, no monte en man común da Xesta, que abarca 33 hectáreas e para o que se investiron máis de 228.500 euros. A súa posta en marcha requiriu múltiples tarefas de traballo de preparación da superficie, como roza mecanizada, abonado, sementeira e pase de rulo; e engadíronse seis cancelas e dous comedeiros para os animais.

Por outra banda, Balseiros achegouse ata o concello de Cerdedo-Cotobade, onde comprobou os traballos realizados no pasteiro en man común de Quireza. Este segundo conta con 31 hectáreas, e para o seu desenvolvemento, a Consellería destinou máis de 240.400 euros. Neste caso, realizáronse traballos similares, de roza mecanizada, abonado e sementeira, entre outros, e engadíronse tres cancelas no recinto.

O director lembrou a importancia de desenvolver este tipo de infraestruturas para o impulso do rural e para protexer os terreos de posibles lumes en zonas forestais.

Plan de Pastos de Galicia

A creación destes pastos enmárcase no Plan de Pastos de Galicia, que desde 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pastos, cun investimento total de case 15 millóns de euros.

Data de actualización: 20/07/2026