A sede da Xunta en Lugo acolle a presentación da IX Romaxe Viquinga do Vicedo, que comeza este venres

Lugo, 22 de xullo de 2026

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da IX Romaxe Viquinga do Vicedo, un acto que contou coa participación do delegado territorial, Alfonso Villares; o alcalde do municipio, Jesús Novo; e o dúo Queiman y Pousa, que colabora na organización, entre outros.

A romaxe dará comezo este venres, día 24, coa lectura do pregón diante da Casa da Cultura por parte do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, ao que seguirá un desfile pola localidade e a exhibición de combates entre viquingos e cristiáns.

O sábado celébrase a xornada principal na praia de Area Grande, en San Román. Os campamentos abrirán ás 11:00 horas, e o esperado desembarco viquingo producirase ás 12:30 horas. Durante todo o día sucederanse os xogos, obradoiros, espectáculos infantís ou actuacións musicais, entre outras propostas.

Villares destacou a rápida consolidación da Romaxe Viquinga, que “en menos dunha década se converteu nunha cita de referencia do verán na provincia” e puxo en valor o “esforzo organizativo do Concello do Vicedo, das asociacións e de todas as persoas que colaboran para facer posible esta celebración”. Nesta liña, referiuse tamén ao apoio da Xunta a esta festa de recreación histórica, “que contribúe a poñer en valor a nosa historia e patrimonio, dinamiza o territorio e proxecta a nosa provincia como un destino con propostas culturais e de lecer de gran atractivo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026