A Xunta financia o XVII obradoiro dual de emprego da Mancomunidade do Salnés

Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de cociña e servizos de restaurante

Na provincia de Pontevedra foron aprobados este ano 24 destes obradoiros, o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros

Sanxenxo (Pontevedra), 22 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as persoas participantes no obradoiro dual de emprego ‘Mancomunidade do Salnés XVII’, no concello da Sanxenxo, que conta cun investimento da Xunta de 454.552 euros.

O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 persoas desempregadas combinen formación teórica cun traballo efectivo nas especialidades de cociña e servizos de restaurante, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.

Na súa quenda de palabra, Pablo Fernández puxo de relevo o firme apoio do Goberno galego á aprendizaxe dual, un sistema que facilita que as persoas en situación de desemprego compaxinen a teoría cun posto de traballo real con utilidade pública.

O delegado subliñou que se trata dun obradoiro que permitirá integrar no mercado laboral a persoas formadas nun sector que conta cunha gran demanda de traballadores: “Sabedes que o sector da hostalaría ten unha demanda altísima de profesionais formados, e moito máis nesta comarca que é unha das zonas turísticas máis importantes do país. Estou seguro de que este obradoiro vos axudará moito a desenvolver unha carreira profesional nas vosas especialidades”.

Fernández destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse este ano un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026