Fabiola García traslada á mancomunidade Terra de Celanova o compromiso da Xunta coa atención aos maiores do rural

A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que o Goberno galego vai reforzar a rede de casas do maior con dez novos recursos que permitirán chegar ás 800 prazas

Santiago de Compostela, 22 de xullo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou esta mañá ao presidente da mancomunidade Terra de Celanova, Jaime Sousa,  o compromiso da Xunta coa atención aos maiores nos concellos do rural. Na xuntanza, abordaron novas vías de colaboración entre ambas institucións para seguir mellorando as políticas sociais e ofrecer máis servizos á veciñanza.

Neste sentido, Fabiola García puxo de exemplo as casas do maior, unha rede pública impulsada pola Xunta para dotar de servizos de atención diúrna ao rural. Deste xeito, lembrou que o Goberno galego vai impulsar este ano a creación de dez novos recursos destas características, que permitirán chegar ás 800 prazas.

Así mesmo, a conselleira explicou que o modelo de coidados galego busca ofrecer aos maiores a posibilidade de vivir onde e como desexen e, para iso, é fundamental dotar o rural de servizos que faciliten a súa atención sen renunciar a vivir na contorna. Polo tanto, avanzoulle ao presidente da mancomunidade que a Xunta vai seguir reforzando os recursos nestas áreas e respondendo ás necesidades da poboación a través de iniciativas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar, que xa beneficia a 40.000 galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026