A Xunta solicita ao Parlamento un pleno extraordinario para presentar o teito de gasto 2027
O Goberno galego pide que se tramite polo procedemento de urxencia para comezar a elaboración dos Orzamentos unha vez que se aprobe en Consello o gasto non financeiro para o vindeiro ano
Galicia continúa a ser unha das primeiras CC.AA. en elaborar e aprobar as súas contas anuais, para achegar certezas e previsibilidade
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026
A Xunta solicitou hoxe ao Parlamento de Galicia a celebración dun pleno extraordinario para presentar o teito de gasto 2027. A orde do día única sería o debate e votación do límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma de Galicia recollido na Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.
O Goberno galego pide que esta solicitude se tramite polo procedemento de urxencia para comezar a elaboración dos Orzamentos unha vez que se aprobe en Consello o gasto financeiro para o vindeiro ano.
A Consellería de Facenda e Administración Pública publicou o pasado 30 de xuño no DOG a orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos do vindeiro exercicio, que marcan as bases do plan financeiro do Goberno galego para o 2027. Foi o primeiro paso dun procedemento que continuará nos vindeiros días coa aprobación do teito de gasto non financeiro.
Isto permitirá que Galicia continúe a ser unha das primeiras CC.AA. en elaborar e aprobar as súas contas anuais, entregando o proxecto de Orzamentos antes do 20 de outubro para a súa aprobación antes de finais de ano e que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2027. O Goberno galego segue, desta forma, achegando certezas e previsibilidade á economía da Comunidade autónoma.
Galicia presentará unhas contas que terán como prioridade o reforzo continuado dos servizos públicos asistenciais, como a sanidade, a educación e a dependencia. Impulsar a modernización e dixitalización do sistema produtivo galego, favorecendo o desenvolvemento industrial sostible, a innovación e a consolidación de cadeas de valor estratéxicas, que permitan mellorar o crecemento potencial da economía e a atracción de novos proxectos empresariais, así como impulsar o apoio ao emprendemento e ás persoas autónomas son os obxectivos duns presupostos que optan tamén por apoiar a transición enerxética cara a un modelo máis eficiente, ambiental e economicamente menos dependente do exterior, para incrementar a capacidade de xerar empregos de calidade.
Manter o coñecemento e a innovación como pancas de crecemento económico é outro dos obxectivos, buscando substitutos financeiros aos fondos MRR para impulsar o seu impacto transformador e multiplicador sobre o tecido produtivo galego.