A Consellería do Medio Rural dedica 390.000 euros a protexer o patrimonio xenético e a sustentabilidade do rural galego
O prazo de solicitude da convocatoria de axudas á recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas está aberta ata o 3 de agosto
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou unha das explotacións beneficiarias do pasado ano
Ortigueira (A Coruña), 23 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe, xunto a representantes do Concello, a granxa Vidueira, onde lembrou que ata o 3 de agosto segue aberto o prazo de solicitude das axudas á recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas.
Aneiros destacou a que é a segunda convocatoria destas axudas, dotadas cun orzamento de 390.000 euros, cuxo obxectivo é apoiar aos gandeiros e gandeiras que apostan pola preservación do patrimonio xenético, así como pola sustentabilidade do rural. Para isto, subvenciónanse a cría de exemplares na propia explotación desde o desleite, o que contribúe a mellorar a adaptación dos animais ao medio. "O noso compromiso co medio rural pasa por protexer a súa biodiversidade e apoiar aos gandeiros e gandeiras”, salientou.
Tal e como detallou a delegada, poden beneficiarse destas achegas as persoas titulares das explotacións das razas autóctonas de ruminantes ameazadas, que son as bovinas Caldelá, Frieiresa, Vianesa, Limiá e Cachena; e as de Ovella Galega e Cabra Galega. En concreto, concederanse achegas de ata 350 euros por animal bovino e ata 60 por pequenos ruminantes, cun máximo de 15.000 euros por titular de explotación.
Na pasada convocatoria foron 15 as explotacións da área da Delegación que resultaron beneficiarias destas achegas coa recría de 75 exemplares de animais bovinos e 68 de cabra e ovella. Estas explotacións recibiron en total máis de 30.300 euros. No caso concreto da granxa Vidueira foron 41 os exemplares de raza Limiá recriados cunha axuda de máis de 14.300 euros.