Belén do Campo comproba no Concello de Lousame o labor dos 5 traballadores contratados cun apoio de mais de 84.000 € do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo
Na provincia da Coruña a Xunta destinou máis de 5 millóns de euros a esta liña de axudas o que permitiu a contratación de 283 persoas en 82 concellos
Como novidade, ese ano asignouse un contrato adicional para desenvolver os labores de coordinación aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre o Goberno galego e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais
Lousame (A Coruña), 23 de xullo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde, Esteban Ares, visitou hoxe o Concello do Lousame para comprobar o traballo que están a desenvolver as 5 persoas contratadas durante nove meses a xornada completa, ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, unha iniciativa do Goberno galego destinada a fomentar o emprego entre persoas desempregadas ao tempo que reforza a prevención de incendios forestais e a conservación do medio rural.
Durante a visita, a representante autonómica destacou que o Concello de Lousame conta cunha achega de máis de 84.000 euros, que permitiu a contratación destes 6 traballadores para realizar actuacións de limpeza de montes, xestión da biomasa, mantemento de espazos naturais e outras tarefas de carácter forestal e ambiental.
A delegada subliñou que este programa contribúe a ofrecer unha oportunidade laboral ás persoas desempregadas, facilitándolles experiencia profesional e mellorando a súa empregabilidade, ao tempo que permite reforzar actuacións prioritarias para a protección do territorio e a prevención dos incendios forestais.
A representante autonómica lembrou que a Xunta resolveu unha nova edición de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 millóns de euros. No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta financiou a contratación de 282 persoas en 82 concellos, cun investimento superior aos 5 millóns de euros, consolidando esta convocatoria como unha ferramenta clave para apoiar ás entidades locais e fortalecer a prevención de lumes no territorio. No caso concreto da comarca do Barbanza, contaron co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, 11 concellos, para contratar a 45 desempregados cunhas achegas de preto de 800 mil euros.
Un programa con novidades
Belén do Campo lembrou que o programa Galicia Suma Talento: Rural activo incorporou importantes novidades este ano para reforzar a eficacia das actuacións preventivas. Entre elas destaca a creación da figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios, destinada aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Estes municipios tiveron a posibilidade de contar cun contrato adicional para coordinar os equipos de traballo e planificar as actuacións de acordo coa estratexia autonómica.
Ademais, por primeira vez garantizouse aos concellos afectados polos grandes incendios forestais e aos adheridos a este convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior.
O programa complétase cunha formación específica para as persoas contratadas en materias relacionadas coa prevención de incendios, o uso de maquinaria e ferramentas forestais e a seguridade no desenvolvemento destes traballos, reforzando así tanto a súa cualificación profesional como a protección sostible do medio rural galego.