O concello de Tui participa na campaña estival ‘Un alento de vida’ da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

O municipio pontevedrés acadou no 2025 un índice de 54 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano

Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 22.000 doazóns no período estival

Tui, 24 de xullo de 2026

O concello de Tui acolle hoxe, venres 24 de xullo, a campaña de verán Un alento de vida que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O obxectivo desta iniciativa pasa por obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue ata finais de agosto e fomentar a participación da cidadanía. Para iso, as unidades móbiles da Axencia visitarán máis de 170 concellos galegos para facilitar o acceso a este xesto solidario.

A unidade móbil da ADOS estará estacionada na Rúa Alcalde Casal Aboy, ao carón do centro de saúde, en horario das 10:00 ás 14:15 e das 16:00 ás 21:00 horas.

A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.

Colaboración fundamental

A campaña Un alento de vida lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.

As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.

Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.

Elevada participación

A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Tui que doan sangue. Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio pontevedrés acadou, con 939 doazóns, unha taxa de 54 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice por riba da media de Galicia (39/1.000).

Desde a Axencia convidan a toda a cidadanía a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2026