A Xunta pon de relevo o novo Centro Comercial Aberto de Burela e agradece a súa colaboración na campaña ‘Comercio Compensa’
Burela (Lugo), 24 de xullo de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ao punto informativo instalado na praza do Concello no marco da campaña autonómica Comercio Compensa, unha iniciativa coa que a Xunta promove hábitos de compra máis responsables, impulsa o uso de alternativas reutilizables e pon en valor o comercio de proximidade. Así, durante a xornada, todas as persoas que presentaron un tícket de compra realizado nos establecementos comerciais do municipio recibiron unha bolsa de tea coa imaxe da campaña.
Gabriel Alén puxo en valor esta visita ao ser a primeira que realiza ao municipio desde que a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela —colaboradora hoxe na campaña— se incorporou á rede de centros comerciais abertos de Galicia, integrada xa por 56 entidades. Segundo destacou, este feito avala a longa traxectoria da entidade e contribuirá a fortalecer o seu labor na dinamización do comercio de proximidade. No relativo a Comercio Compensa, sinalou que a iniciativa percorrerá un total de 60 localidades galegas entre este ano e o vindeiro co obxectivo de achegar á cidadanía mensaxes de sensibilización sobre consumo responsable e de seguir impulsando o comercio local como motor económico e social.