A Xunta pon de relevo en Cambre o apoio da Rede de polos á consultora de moda Anaó e á súa aposta polo emprendemento ligado ao territorio

Cambre (A Coruña), 24 de xullo de 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe en Cambre a empresa Anaó - Fashion consulting office, asesorada no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol. Alí, puxo de relevo esta iniciativa empresarial que non só destaca por ser unha consultora de moda orientada á uniformidade ou roupa de traballo, senón tamén por ter impulsado a súa propia marca Chissio, de produción local sen pegada de carbono. Nesa liña, a directora xeral salientou o apoio prestado desde a Rede de polos para facer medrar o negocio e garantir a súa rendibilidade e visibilidade, apostando pola innovación e recorrendo tamén a axudas públicas.  

Mariño aproveitou a visita para destacar o labor do Polo de Ferrol, que ten asesorado preto de 1.200 proxectos dentro dos máis de 2.100 da provincia da Coruña e dos case 6.900 de Galicia. Coas persoas emprendedoras que acudiron á oficina —o 60 % delas, mulleres— téñense realizado máis de 2.500 titorías e, en total, tense propiciado a creación dunhas 170 empresas. Cómpre engadir as actividades promovidas desde o Polo ferrolán, que superan as 150 entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2026