A Xunta abre a convocatoria para solicitar as axudas de redución de xornada e fomento da corresponsabilidade
O Goberno galego destina 620.000 euros a esta orde de achegas para compensar os axustes realizados polas familias nos horarios laborais para o coidado de fillas e fillos
Santiago de Compostela, 26 de xullo do 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres as bases da convocatoria de achegas destinadas á fomentar a corresponsabilidade e apoiar ás familias que deben facer axustes no seu horario laboral para o coidado dos fillos e fillas de ata tres anos ou 12, no caso de que teñen unha discapacidade.
As persoas interesadas terán de prazo ata o próximo 25 de agosto para solicitar estas axudas que buscan impulsar un cambio de tendencia nas rutinas familiares. O obxectivo é que sexan cada vez máis homes os que reduzan a súa xornada laboral para o coidado dos fillos e fillas e fomentar, á súa vez, o reparto das tarefas domésticas e a empregabilidade e promoción profesional das mulleres.
A Xunta destina 620.000 euros a esta orde de achegas, cofinanciada con fondos europeos, e que está dirixida aos homes, no caso das familias compostas por membros de diferente sexo; así como o resto de unidades familiares como as monoparentais, as monomarentais ou as integradas por persoas do mesmo sexo. A contía a percibir oscila desde os 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada de traballo e do número de menores a cargo.