Ana Ortiz destaca o apoio da Xunta ao traballo autónomo e ao emprendemento

A delegada da Xunta en Vigo asistiu xunto a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, á xornada informativa sobre axudas para autónomos de APE

Vigo, 27 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este luns o apoio do Goberno galego ao traballo autónomo e ao emprendemento durante a xornada informativa Axudas para Autónomos: Ferramentas e axudas ao servizo do traballo autónomo e do Emprendemento, organizada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

“Os autónomos e emprendedores son o verdadeiro motor económico da nosa terra, o corazón que dinamiza o tecido empresarial de Vigo e de toda Galicia, por iso, a nosa prioridade non é outra que facilitarvos as ferramentas necesarias, simplificar a burocracia e achegar o apoio financeiro directo para que os vosos proxectos sigan medrando con seguridade e estabilidade”, sinalou a delegada territorial. Ana Ortiz incidiu durante a súa intervención en que “para facer isto posible, na Xunta contamos cun equipo humano excepcional e profundamente comprometido co territorio”. 

Na xornada tamén participaron a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, que destacaron —entre outras— a orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas, dotada con preto de 41 M€ este ano e concibida para cubrir todo o ciclo do emprendemento: desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, incluíndo tamén medidas de conciliación, remuda xeracional e apoio a quen desexe volver emprender tras unha etapa previa como autónomo. Como novidade de 2026, salientouse a ampliación da cota cero dun ano a dous no caso de persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, á gandaría ou á silvicultura.

As representantes autonómicas tamén puxeron en valor o asesoramento personalizado e gratuíto dispoñible a través da Rede de apolos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 centros espallados polo territorio que teñen atendido xa preto de 6.900 proxectos. A maiores, referíronse a ferramentas como o Campus formativo de emprego autónomo, dirixido a persoas autónomas, emprendedoras e comerciantes para mellorar e facer medrar os seus negocios mediante formación práctica, sinxela e orientada a resultados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2026