Regresan a Galicia os efectivos da Xunta desprazados aos incendios de Castela e León

O risco de lumes en Galicia cambiou, polo que cómpre ter todo o dispositivo despregado sobre o terreo e en estado de máxima alerta

En total, foron preto de 80 os profesionais que colaboraron na extinción dos lumes nas provincias de León e Ávila

Desta forma, Galicia amosou unha vez máis a súa solidariedade e respondeu ás necesidades doutras comunidades autónomas prestando o seu apoio, sempre garantido o correcto funcionamento do operativo galego contra os incendios

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026

Os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta desprazados a Castela e León e Madrid para colaborar nas tarefas de extinción dos lumes regresan hoxe a Galicia. En total, foron preto de 80 profesionais os que integraron o dispositivo galego, que se despregou polo territorio en varias quendas de traballo.

O cambio nas condicións do risco de lumes en Galicia de cara aos próximos días motivou o regreso destes efectivos, xa que nas actuais circunstancias cómpre ter todo o dispositivo despregado sobre o terreo e en estado de máxima alerta.

Co envío destes grupos, Galicia respondeu á petición trasladada desde ambas comunidades autónomas para cooperar na loita contra os incendios. Fíxose tras a oportuna avaliación técnica, por parte do equipo da Consellería do Medio Rural, sobre a situación actual en Galicia.

O dispositivo galego en León estivo integrado por arredor dunha trintena de profesionais, que actuaron a partir do pasado xoves en dúas quendas de traballo, producíndose un relevo, e que estiveron apoiados por 1 bulldozer, 1 motobomba e 1 helicóptero. 

En canto ao persoal enviado o venres tras a petición do Goberno central para apoiar os incendios de Ávila e Madrid, o mando único derivounos a dar apoio en Ávila, onde traballaron 2 helicópteros, 6 brigadas, 4 axentes, 1 técnico, 1 bulldozer e 1 posto de mando. En total, medio cento de efectivos.

Solidariedade de Galicia

A aportación galega realizouse no contexto da declaración de Emerxencia de Interese Nacional realizada polo Goberno de España. Deste xeito, Galicia amosou unha vez máis a súa solidariedade e respondeu ás necesidades doutras comunidades autónomas prestando o seu apoio, sempre garantido o correcto funcionamento do operativo galego contra os incendios, que se mantén en garda, como corresponde á actual tempada de alto risco de incendios. 

Hai que lembrar, nesta liña, que grupos de profesionais galegos desprazáronse anteriormente en diversas ocasións fóra de Galicia, tanto a outras comunidades autónomas como a Portugal (no ano 2017), co fin de colaborar nas tarefas de extinción dos incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026