A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a sede da Mancomunidade do Ribeiro, na provincia de Ourense

Galicia consolídase como unha das comunidades máis eficientes na xestión de residuos municipais cunha mellora de dez puntos na taxa de reciclaxe

Ángeles Vázquez explica que os datos da Consellería amosan unha importante evolución na consecución dos obxectivos europeos, especialmente grazas ao incremento do 50% na eficacia da separación de orixe na recollida selectiva

A conselleira pon en valor a colaboración da Xunta e os concellos neste eido e lembra que este ano se concederon máis de 5 M€ en axudas para financiar 170 actuacións en 83 administracións locais co obxectivo de acadar un modelo de xestión de residuos máis eficiente, equitativo e mellor preparado para os retos do futuro

A Mancomunidade do Ribeiro, que agrupa os concellos ourensáns da Arnoia, Beade, Cenlle e Leiro, recibiu unha axuda da Xunta de preto de 170.000 euros para mellorar a recollida de biorresiduos

Leiro (Ourense), 28 de xullo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia se consolida como unha das comunidades máis eficientes na xestión de residuos municipais cunha mellora que rolda os dez puntos na taxa de reciclaxe.

Segundo explicou Ángeles Vázquez durante a visita que realizou hoxe á Mancomunidade do Ribeiro, os datos remitidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a súa inclusión na Memoria anual de xeración e xestión de residuos indican unha importante evolución de Galicia na consecución dos obxectivos establecidos pola Unión Europa.

Nese senso, os datos, correspondentes ao exercicio de 2024, estiman unha mellora de ata 10 puntos na taxa de reciclado, que pasaría do 20% ao 30%, e situando a Galicia nunha posición destacada a nivel nacional e ascendendo dez postos no ranking nacional. 

Esta mellora tamén se reflicte nos datos de recollida selectiva, onde Galicia mellora significativamente a súa posición relativa, situándose entre as sete comunidades con mellores resultados neste eido. En concreto, pasaría dunha taxa do 16% a unha do 24%, o que suporía un incremento do 50% na eficacia da separación en orixe.

No que atinxe á taxa de vertido, Galicia, cun 33%, consolídase entre as comunidades con menor dependencia do vertedoiro e sitúase ademais moi por debaixo da media nacional, que adoita superar o 50%. Este dato é ademais un bo indicador de cara ao cumprimento do obxectivo establecido para 2025 dun 40% de residuos destinados a vertedoiro.

Na liña destes datos, a conselleira incidiu en que Galicia está no “bo camiño” para acadar un modelo de xestión de residuos máis eficiente e sostible, así como para cumprir os obxectivos establecidos pola normativa estatal e europea.

Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor a colaboración da Xunta e os concellos para avanzar cara a un modelo de economía circular e para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza. De feito, o Goberno galego leva anos apoiando os concellos nesta materia coa convocatoria anual de axudas para financiar distintas iniciativas que permitan optimizar a recollida separada, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, impulsar a xestión de residuos téxtiles e fomentar a reutilización, na liña do que establece a normativa comunitaria sobre a xestión de refugallos.

En concreto, a conselleira lembrou que este mesmo ano se convocaron sete liñas de axudas e se concederon un total de 5,1 millóns de euros en axudas coas que se financiará 170 actuacións en 83 administracións locais.

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez puxo en valor tamén o papel das entidades supramunicipais para apoiar, sobre todo, aos pequenos concellos do rural. Así, sinalou a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, que hoxe visitou xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, como exemplo de xestión e colaboración entre municipios.

De feito, esta Mancomunidade foi a entidade supramunicipal que máis financiamento recibiu da provincia de Ourense no marco da orde de axudas convocadas este ano pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para apoiar os concellos na mellora dos seus servizos de xestión de residuos municipios.

En concreto, recibiu preto de 170.000 euros para mellorar a recollida separada de biorresiduos e adquirir un vehículo específico destinado a este servizo. Estes apoios contribuirán a reforzar e ampliar a recollida separada da fracción orgánica, mellorar a eficiencia do servizo e avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos nos catro concellos que integran a Mancomunidade -A Arnoia, Beade, Cenlle e Leiro-. Así mesmo, a adquisición dun vehículo específico facilitará a implantación territorial da recollida separada dos biorresiduos, contribuíndo á profesionalización do servizo e á mellora da capacidade operativa do servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026