A Xunta pon en valor os máis de 30 anos de compromiso de Aspadisol en favor das persoas con discapacidade de Oleiros e das súas familias
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou na xornada de portas abertas organizada pola entidade para dar a coñecer o seu centro ocupacional
Oleiros (A Coruña), 28 de xullo de 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá na xornada de portas abertas do centro ocupacional de Aspadisol. Baixo o lema Facendo comunidade, durante todo o día levaranse a cabo numerosas actividades e iniciativas que teñen como obxectivo dar a coñecer a labor da entidade nos seus trinta anos de traxectoria.
Durante a súa visita, Begoña Abeijón, puxo en valor a atención próxima e especializada que a entidade ofrece aos 25 usuarios do centro e felicitou á súa dirección “por tres décadas apoiando sempre e en todo momento ás persoas con discapacidade intelectual de Oleiros, da súa comarca e ás súas familias”.
A xornada de portas abertas inclúe percorridos polo centro, presentación de obradoiros, a conversa con persoas usuarias e co persoal, a exposición dos produtos que realizan as persoas usuarias, así como actuacións musicais.