María José Gómez enxalza a excelencia dos viños galegos na LXXIV Festa do Albariño de Cambados
A conselleira do Medio Rural asistiu hoxe á inauguración deste evento, ao que definiu como unha cita de referencia na que poder celebrar as producións vitivinícolas galegas
Este sector é un dos motores da economía galega, estreitamente vencellado co rural e coa produción de calidade
A comunidade conta con cinco denominacións de orixe e outras tantas indicacións xeográficas protexidas que representan máis do 50 % do valor económico da calidade diferenciada galega, con 379 millóns de euros
Comprometeu o apoio do Executivo galego a este sector, ao que cada ano se destinan uns 12 millóns de euros a través de distintas liñas de apoio
Cambados (Pontevedra), 29 de xullo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración da LXXIV Festa do Albariño, onde enxalzou a excelencia dos viños galegos e definiunos como un dos mellores embaixadores da Galicia Calidade que impulsa o Goberno autonómico.
Seguindo esta liña, sinalou este evento como unha cita de referencia na comunidade coa que poder celebrar as producións vitivinícolas galegas en xeral e o albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas en particular. Así, o sector do viño é un dos motores da economía galega, estreitamente vencellado co rural e coa produción de calidade.
Neste sentido, a comunidade conta con cinco DO (Rías Baixas, Monterrei, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra) e outras tantas Indicacións Xeográficas Protexidas (Val do Miño-Ourense, Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria e Terras do Navia); que de xeito conxunto representan máis do 50 % do valor económico da calidade diferenciada galega, cuns 379 millóns de euros.
Así, comprometeu o apoio do Executivo galego a este sector, ao que cada ano se destinan uns 12 millóns de euros en liñas de achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo; a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou a promoción do viño galego en mercados de terceiros países; ás que cómpre engadir tamén as axudas para apoiar o labor desenvolvido polos consellos reguladores.